O presidente provincial, Luis Menor, acompañado polo director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Marcos Valiño, presentou hoxe os detalles desta nova iniciativa que ten como obxectivo “apoiar ás nosas pemes, autónomos e emprendedores no seu proceso de dixitalización contribuíndo a mellorar a súa competitividade».
A Deputación de Ourense impulsa a transformación dixital das pequenas empresas ourensás a través do proxecto “AcelerOU” que presentou hoxe no Pazo Provincial, o presidente da Deputación, Luis Menor, acompañado polo director da Área de Transparencia e Goberno Aberto, Marcos Valiño.
Trátase dun proxecto que se pon en marcha no marco do programa “Acelera Pyme”, unha iniciativa do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública e desenrolado por Red.es, que forma parte do Plan de Dixitalización de pemes 2021-2025, financiado pola Unión Europea- Next Generation EU.
A Deputación de Ourense presentou a este programa o proxecto “AcelerOU” co obxectivo de “apoiar ás nosas pemes, autónomos e emprendedores no seu proceso de dixitalización contribuíndo a mellorar a súa competitividade”, explicou Luis Menor.
Un proxecto que, como explicou o presidente provincial, será “fundamental para Ourense xa que, o tecido empresarial no noso territorio está formado principalmente por pemes e autónomos, nun entorno eminentemente rural e cun nivel de dixitalización baixo”.
Para prestar este servizo de sensibilización, asesoría personalizada e apoio en materia de dixitalización aos futuros usuarios, a Deputación disporá de catro oficinas: dúas oficinas físicas permanentes que estarán ubicadas no Pazo Provincial e no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo; unha oficina física itinerante con estancias semanais nos municipios da provincia, e unha oficina virtual que ofrecerá a todos os usuarios a posibilidade de beneficiarse de todos os servizos da Oficina Acelera Pyme de forma online.
Este servizo inclúe, ademais da propia axuda e asesoramento, a “tramitación de axudas para captar financiamento para poder desenvolveros seus proxectos a través de programas estatais, como “Kit Consulting” e “Kit Digital”, polos que as empresas de ata 250 empregados poderán dispoñer de axudas que van desde os 3.000 ata os 29.000 euros”, explicou Marcos Valiño.
O proceso sería o seguinte: o usuario contacta coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñibles, analízase o seu caso para realizar unha análise e diagnóstico do mesmo en canto a dixitalización e en base a este, elabórase un plan de acción que guíe ao usuario nese proceso de dixitalización.
Actividades complementarias
A maiores, como complemento a estas oficinas, organizaranse 42xornadas, obradoiros e seminarios de sensibilización e apoio sobre tecnoloxías dixitais; 7 talleres teórico-prácticos sobre as axudas de financiamento á dixitalización existentes; sesións de networking para formalizar acordos de colaboración; incluirase na web perfís de demanda tecnolóxica e outros de oferta tecnolóxica para facilitar o encontro entre eles, entre outras actividades que se irán anunciando en cada momento.