Presentada a 46 Semana de Cine de Lugo

por Redacción Lugo

Este ano a Semana de Cine volverá encher as instalacións culturais entre o 23 e o 29 de setembro.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto co presidente do 
Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, e a deputada de Cultura,  Iria Castro, a 46 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo. A cita, que se vén celebrando anualmente dende o 1979, terá lugar entre o 
23 e o 29 de setembro de 2022. No acto estiveron tamén presentes Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da Xunta de Galiza e da USC, e integrantes do Comité Organizador da Semana.

«Debemos apoiar dende as institucións a nosa cultura propia, neste caso a produción de cine en galego», dixo Maite Ferreiro, que engadiu «as experiencias que temos dinnos que temos contadoras e contadores de 
historias moi boas, que fan obras fermosas e interesantes, que redundan na defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura, que é o faro que nunca debemos perder de vista».

Iria Castro afirmou que «a semana de cine é unha cita consolidada no calendario cultural ao finalizar o verán», e destacou que esta cita «permítenos desfrutar de filmes que non chegan ás salas comerciais, pero que contan cunha gran calidade artística».

Ferreiro destacou o traballo do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, «que leva 46 anos dando visibilidade ao cine entre a veciñanza de Lugo», e engadiu «a Semana de Cine de Lugo é unha das actividades máis relevantes do calendario cultural da cidade».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario