A XV edición de Lúas de Outono homenaxeará o poeta Manuel María al facerse vinte anos do seu falecemento na cidade da Coruña

por Redacción A Coruña

A súa poesía na voz de Eva Veiga e na música d’Os Carunchos protagonizará o evento no Teatro Rosalía.

O próximo 18 de setembro, mércores, as 20:30 h, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro unha nova edición, a décimo quinta, de Lúas de Outono, a homenaxe anual a Manuel María que organiza a Fundación que leva o nome do escritor e que dispón é difunde o seu legado.

Este ano, Lúas de Outono, ten algo de especial pois vén de se facer o pasado 8 de setembro vinte anos do falecemento de Manuel María na Coruña, cidade que el e Saleta escolleron para vivir a súa última etapa vital, unha vez chegados á xubilación, e na cal deixaron unha fonda pegada posta ben de manifesto, ano tras ano, na magnífica resposta de asistencia a este evento por parte dos seus lectores e lectoras, así como do público en xeral, até converter Lúas de Outono nun referente cultural da cidade. 

Para significar estes vinte anos transcorridos sen a presenza física do escritor, o espectáculo bota man de vinte poemas, sete deles recitados pola poeta Eva Veiga e outros trece musicados polo grupo Os Carunchos. Esta banda de música tradicional do sur de Galiza, con máis de trinta anos de traxectoria por todos os escenarios de Galiza e do mundo, interpretará o seu último e recente traballo dedicado monograficamente a Manuel María e titulado Unha gorxa chea de paxaros.

O traballo musical aparece publicado nun libro-disco editado por Xerais e que conta con textos do polifacético Xurxo Souto e do coñecido e premiado luthier  Xaneco Tubío. Un disco, este, co que Os Carunchos celebran a palabra de Manuel María poñéndolle música a algúns dos seus poemas emblemáticos como “A fala” ou “Galiza” e outros menos divulgados como “O poder de esquecer” ou “Tríadas dos soños”.

Trece temas cheos de enerxía e diversión para desfrutar e ser acompañados polo público asistente. Neste sentido, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María manifestou que “non é a mirada melancólica producida pola perda do escritor querido o que nós primamos neste evento pois quedounos a súa obra, a música amorosa da palabra poética, e iso é o que nós queremos celebrar cada ano neste espectáculo”.A actividade conta coa axuda e a colaboración da Deputación da Coruña e o Concello da Coruña, sendo de asistencia gratuíta até completar o aforo. Cómpre reservar o billete en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. No caso de sobrar billetes, poranse a disposición unha hora antes do inicio do espectáculo diante da billeteira do Teatro Rosalía.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario