A secretaria municipal de Mondariz aclara que o orzamento non está aprobado

por Redacción Pontevedra

O informe da secretaria sinala que en ningún caso a aprobación de enmendas polo pleno podería implicar a aprobación inicial do orzamento xeral

O actual goberno en funcións do Concello de Mondariz comunica que a secretaria municipal vén de enviar a todos os grupos da oposición un informe aclarando que o orzamento de Mondariz non está aprobado.

O informe da secretaria advirte que ao contrario do que divulga estes días a oposición o orzamento de Mondariz non está aprobado. Ante as informacións difundidas na última semana e os recursos presentados a secretaria municipal emitíu un informe aclarando o concepto de orzamento municipal no que se pode ler que “os orzamentos das entidades locais constitúen a expresión conxunta sistemática das obrigas que, como máximo, pode recoñecer a entidade e os seus organismos autónomos e os dereitos que prevean liquidar durante o exercizo correspondente”. O orzamento debe ser configurado por alcaldía e deberá ser informado por Intervención e remitido ao Pleno para a sua aprobación.

Indica tamén que a aprobación do orzamento ten que realizarse mediante un acordo único, unidade de acto que afecta obxectivamente a todo o proxecto, sen que permita observacións ou fórmulas de salvaguarda respecto dalgunha das súas previsións ou da documentación que o integra. O informe reitera que “en ningún caso a aprobación de enmendas polo pleno podería implicar a aprobación inicial do orzamento xeral”.

Calis Montes, alcalde en funcións, lamenta esta perda de tempo e que “a estas alturas haia que aclarar cuestións de funcionamento que evidencia a falta de formación e coñecemento dos grupos da oposición ou ben a súa clara intención de enganar á cidadanía”.

O informe da secretaria é claro e concreta que “se falta o informe prévio do interventor e dictame da comisión correspondente, o acordo que adoptara a Corporación aprobando un expediente distinto do proposto pola alcaldía, quedaría viciado de nulidade por terse adoptado prescindindo total e absolutamente do procedimento legalmente establecido”.

O líder de AporM reitera que “é lamentable que  a oposición intente impor a súa versión por enriba dos informes dunha habilitada nacional e dos técnicos municipais”. Por último, Calis Montes sinala que “as súas ganas de desinformar e confundir son tan esaxeradas que rozan a falta de ética, esquecen toda vocación de servizo á cidadania e incurren en falsedades que poñen en risco o futuro das veciñas e dos veciños que afrontarán pagos máis altos de tributos e recibirán menos e peores servizos”

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario