O venres 27 de setembro de 2024 terá lugar a Noite Europea das Persoas Investigadoras que se desenvolve de xeito simultáneo en 400 cidades de toda Europa.
A Universidade da Coruña súmase un ano máis á organización da G-Night, celebrada o último venres de setembro con motivo da Noite Europea das Persoas Investigadoras e que ten lugar ao mesmo tempo en preto de 400 cidades europeas.
A Unidade de Divulgación Científica da UDC é a encargada de organizar, en colaboración co Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC), a ampla programación de actividades que terán lugar no Campus da Coruña, no Campus Industrial de Ferrol e en diversas localizacións destas dúas cidades.
As actividades terán horario de mañá e estarán dirixidas a maioría para escolares das distintas etapas educativas, pero tamén para o público en xeral, e tamén de tarde, para todos os públicos. De feito, a grande oferta de actividades está concentrada a partir das 18:00 horas.
As actividades que conforman a G-NIGHT na cidade de Ferrol serán presenciais e están organizadas principalmente a través do CITENI da UDC. O horario será de 10:00 a 14:00 horas para o público escolar, e de 17:00 a 20:00 horas para o público familiar. Ofreceranse 9 obradoiros:
1.“Navegando por un mar en miniatura: modelos de barcos a escala na canle de ensaios”.
2.“Un percorrido polos túneles de vento”, que se realizará no Laboratorio de Fluídos.
3.“Polímeros sostibles para a impresión 3D. É un desperdicio? Non, é un polímero 3D”, no Laboratorio de Plásticos.
4.“A luz que cambia a materia”, a cargo do grupo do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL).
5.“Este sólido está moi líquido?”, impartido por persoal do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM).
6.“Un circuíto de carreiras virtual: ensaiando motores de coches sen saír do laboratorio”, que terá lugar no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM).
7.“Foise con vento: experimentos sinxelos para entender como mellorar a aerodinámica de obxectos”
8.“Visualizando a radiación nuclear e a supercondutividade”, a cargo dun grupo de investigadores do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
9.“Obradoiro matemáticas”, a cargo dun grupo de investigadores do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA).
Tamén en Ferrol, a Asociación de Veciños de Canido, ofrecerá obradoiros pola tarde para todos os públicos relacionados coa economía do día a día e o Marketing.
Na cidade da Coruña, as actividades terán diferentes localizacións:
– Na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, situada en Riazor, en horario de 10:00 a 13:00 horas, mostraráselles a escolares o funcionamento dun buque a través dun simulador.
– Na DOMUS, ás 12.00 horas, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ofrecerá obradoiros para grupos de escolares.
– No Campus de Elviña terán lugar diversas actividades:
• Visitas guiadas ao CITEEC, con quendas ás 11:30 e ás 12:30 horas, onde as persoas visitantes poderán ver algún dos ensaios que realizan a través dunha visita ao túnel de vento, á dársena de portos e costas, e aos laboratorios de Hidráulica e Construción.
• Visitas guiadas ao CITIC, para escolares, de 11:00 ás 13:30 horas e cun total de 50 prazas, para coñecer exemplos de proxectos de intelixencia artificial, realidade virtual, realidade aumentada e robótica.
• Xa en horario de tarde, de 18:00 a 21: 00 horas, a G-Night contará con actividade en cinco localizacións diferentes da cidade:
• No MUNCYT poderemos desfrutar tres obradoiros:
1.“Como se aplican as Matemáticas, a Física, a Química e a Bioloxía para avaliar a túa condición física?”, dúas quendas ás 18:00 e ás 19:30 horas.
2.“Electricidade e movemento”, no que se poderán rexistrar os sinais eléctricos que chegan ao músculo.
3.“Obradoiros tecnolóxicos”, dirixido a rapazada de entre 8 e 12 anos, no que aprenderán conceptos básicos de electrónica e a súa utilidade na súa vida cotiá.
– Tamén haberá unha sesión de varias charlas breves a partir das 18:00 horas dirixidas ao público adulto e con temáticas de actualidade, como o recoñecemento facial automático, identidade e control; as relacións entre Lingüística e IA; os dereitos e deberes democráticos da cidadanía dixital; un proxecto de arte e ciencia; sobre ou como conseguir placas solares sostibles.
• A partir das 18:00, no Paseo do Parrote, ofreceranse obradoiros dirixidos ao público familiar sobre como a investigación en Química e Bioloxía nos achega a conseguir un planeta máis sustentable e saudable para tódalas especies; coñecer problemáticas de contaminación ambiental; aprender sobre as propiedades das nosas algas, o solo que nos sustenta ou a paleoclimatoloxía; observar no microscopio fitoplancton e zooplancton; dar a coñecer a importancia dos exercicios terapéuticos en dor menstrual; experimentar co uso da realidade virtual na realización de tarefas da vida diaria e realizar pequenos experimentos da enxeñaría civil.
• Ao mesmo tempo, no Bar La Olímpica e no Árnica Bar, a partir das 19:00 horas e dirixidas ao público adulto, haberá unha serie de charlas divulgativas de temáticas moi diversas, sobre as diferencias dosbioplásticos e os plásticos biodegradables; a procura particular de estilos de vida sustentables; as situacións das persoas desprazadas no mundo por conflito, persecución, desastres naturais; como a simulación de efectos visuais do cine mellora a visualización 3D avanzada en medicina; a redefinición como especie e individuos; os desafíos actuais da ética da intelixencia artificial; os síntomas depresivos e a súa relación con uso das redes sociais; a relación entre o teu estilo de vida o teu impacto ambiental.
• Tamén ás 19:00 horas, en Casa Hamlet e para o público adulto, representarase a peza teatral en vivo del Palynurus (1445) de Mafeo Vegio., que ofrece unha reflexión sobre a existencia e onde reside a verdadeira felicidade.
A participación en todas estas actividades é gratuíta e presencial. Toda a información detallada das actividades está na páxina web https://gnight.gal, nocódigo QR presente nos carteis do evento.