Presentan en Vigo unha exposición itinerante para pór en valor os servizos ecosistémicos dos montes veciñais

por Redacción Vigo

Ecoloxistas en Acción denuncia a vaga expoliadora que están sufrindo os montes comunais causada polo extractivismo industrial e avalada pola Xunta

Para Ecoloxistas en Acción os montes veciñais son peza clave para a transición ecolóxica en Galicia. Ademais do seu valor patrimonial en canto a biodiversidade, o monte comunal aporta beneficios como auga e biomasa a milleiros de veciños e vecinas. Por iso, a organización ecoloxista promove que se declaren as comunidades de montes como unha figura de protección ambiental en si mesma.

Porén múltiples proxectos ameazan o monte comunal galego, desde maceocelulosas como Altri, fomentadoras do monocultivo de eucalipto, explotacións mineiras, ata o proxecto GS360 do Real Club Celta nos montes de Tameiga, Mos, coa expropiación e recalificación de solo rústico para beneficio privado duns poucos. A maioría destes proxectos, a pesar de ser moi agresivos social e ambientalmente, contan co aval da Xunta de Galicia ata o punto de que os declara Proxectos de Interese Autonómico ou Estratéxico. 

Para frear a devastación de montes comunais como o de Tameiga, Ecoloxistas en Acción impulsou o movemento Salvamontes, unha plataforma aberta que insta á mobilización veciñal contra un GS360 que a Xunta de Galicia está a apoiar, tramitando a súa declaración como proxecto de interese autonómico.

Ademais, para pór en valor o monte veciñal Ecoloxistas en Acción presenta en Vigo unha exposición itinerante que percorrerá as cidades galegas tras expoñerse en varias prazas da cidade olívica. Arrancará na Praza da Farola de Urzáiz para posteriormente trasladarse o 15 de outubro á Laxe, o 15 de novmebro ao Calvario para rematar o 15 de decembro en Praza América.

Son 9 paneis agrupados temáticamente en 3 expositores triangulares: Posta en valor dos valores ecosistémicos como o abastecemento de auga, enerxía, osíxeno e a captación de CO2 como os valores ecosistémicos máis importantes do monte veciñal.   Destacar a relevancia das traídas de auga veciñal como o xeito maioritario de abastecemento de auga dos fogares do rural galego. Visualización dos impactos no monte comunal do proxecto GS-360 da Sociedade deportiva R.C. Celta.

A iniciativa conta coa colaboración da Organización Galega de Comunidade de Montes, da plataforma A Auga é Vida e a Comunidade de Montes de Tameiga. Ademais conta coa financiación do Ministerio de Transición Enerxética e Reto Demográfico.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario