O festival As Cores do Outono celebra na Pobra do Brollón a súa décima edición esta fin de semana

por Redacción Lugo

Será toda unha homenaxe á historia recente da música galega

O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón, cumpre dez anos. Celebrarase a última fin de semana de setembro cun cartel moi completo: o sábado con concertos de Mercedes Peón e Maricarme, unha alborada-vermú e mais obradoiro de baile con Xisco Feijoó, e o venres cunha conversa musicada con Fuxan os Ventos.

É unha edición de aniversarios, na que se cumpren 10 anos do festival, e tamén os 50 anos de Fuxan os Ventos e 20 anos dende a publicación do primeiro disco de Mercedes Peón a través do seu espectáculo Ingrávida.

As Cores do Outono é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e máis da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.

Dende a organización detallan que nesta décima edición se busca homenaxear a historia recente da música galega: o rexurdir no post-franquismo con Fuxan os Ventos, a procura de novas sonoridades dos primeiros 2000 con Mercedes Peón, a recollida e instrumentación con Xisco Feijoó e o momento actual representado por Maricarme.

‘Procuramos espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos, cos que tamén deslocalizamos o festival coa actividade en Canedo,’ comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Na parroquia de Canedo, aproveitando que están en festas, arranca a programación do sábado. Será a partir das 11:00 h da mañá cunha alborada-vermú con Xisco Feijoó, na que interpretará pezas froito da intensa labor de recollida que leva feito ao longo da súa carreira. Anímase a que os asistentes leven instrumentos para participar da alborada.

O mesmo Xisco Feijoó dará o sábado pola tarde un obradoiro de baile tradicional, para o que as prazas xa están completas.

Á noite do sábado serán os concertos, comezando ás 21:00 h con Maricarme, formación que xunta tres recoñecidas caras do panorama musical galega: Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido. O resultado é un folk orixinal e poderoso que mestura voz, instrumentos e sonoridades máis electrónicas, dende a tradición oral ás composicións propias e moi bailables.

A música continúa co espectáculo Ingrávida, no que Mercedes Peón festexa os 20 anos dende a publicación do seu primeiro disco, Isué. Será unha festa musical a cabalo do acústico e da electrónica na que homenaxea a creación colectiva. Peón estará acompañada no escenario por unha grande elenco de mulleres artistas: As Xirifeiras, Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.

En tanto no pobo medre

Con motivo da exposición ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’ que está a percorrer Galicia, na 10ª edición de As Cores do Outono contarase cunha charla e proxección fotográfica arredor deste grupo fundamental na historia da música galega.

Participarán varios integrantes de Fuxan os Ventos ademais de moitas sorpresas musicais, coa presenza da Coral Samugueiros, Suso Corenta, Nuncy Valcárcel e compoñentes de Os Parentes e Xerezade.

Será o venres 27 ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. Durante o evento haberá barra e caldo, para o que dende a organización animan a levar cunca e culler.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario