O PSOE provincial da Coruña insta a Ana Pontón a aclarar se avala a moción de censura presentada con PP en Muxía 

por 21 Noticias

O PSOE Provincial considera “un atropelo democrático” a moción de censura que presentaron en Muxía o PP, BNG e Independentes por Muxía, instando a Ana Pontón “a aclarar se a avala”.

“Muxía ten un alcalde socialista, Iago Toba, que obtivo nas municipais do 2023 case o dobre de votos que a segunda forza no concello, o PP”, lembra o PSOE, “polo que é un engano aos veciños e veciñas levar adiante esta moción de censura”.

Os socialistas foron a primeira forza política nas eleccións municipais de 2023, nas que obtiveron cinco concelleiros, fronte aos tres do PP, dous dos independentes e un do BNG.

Pese a que a líder do BNG, Ana Pontón, negou o pasado mes de maio contactos co Partido Popular para artellar unha moción de censura en Muxía, “o certo é que esta vén de ser rexistrada coas sinaturas dos concelleiros de PP, BNG e Independentes”.

“Non é a primeira vez que o BNG leva á dereita ao goberno de Muxía”, engaden os socialistas, que xa advertiron desta manobra en primavera, “unha operación que entregaría ao PP áreas clave do goberno municipal como Obras e Urbanismo”.

A dirección provincial socialista respalda ao alcalde: “É inadmisible e unha vergoña que PP e BNG fagan pinza para que sexa alcalde de Muxía o representante dun partido con só dos concelleiros no pleno”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario