Gonzalo Castro reivindica o carácter solidario de Viñetas desde o Atlántico con ‘Viñetas Inclusivas’

por 21 Noticias

.- O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistiu este mércores á segunda sesión de ‘Viñetas Inclusivas’, que forma parte da programación da 27 edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña que organiza o Concello. O edil estivo acompañado polo director do certame, Manel Cráneo.

A programación consiste en visitas guiadas a cargo de Tonecho Otero co Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) a través das exposicións monográficas de Marc Torices e Susanna Martín, ademais da mostra bibliográfica dos Premios Castelao e a Expofanzine, que se atopan todas elas na Sala de Exposicións de Palexco.

Castro destacou o papel solidario e reivindicativo que ten este novo Viñetas, a través de vertentes como este ‘Viñetas Inclusivas’, que busca achegar as principais mostras desta edición a todos os públicos. Desta forma, o Goberno de Inés Rey continúa a impulsar o Viñetas desde o Atlántico, reforzando a súa programación con seccións especializadas que inclúen, por exemplo, temáticas sociais.

Por outra banda, este mércores tamén se celebrou o obradoiro interxeracional ‘Viñetas para todo o mundo’, en colaboración con Aspronaga e Dismacor. Foi na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga e estivo impartido pola xornalista especializada en educación e inclusión Sonia Hermida.

Ademais das visitas, este venres a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, ás 19.00 horas, celebrará a presentación do fanzine ‘Nai dos desterrados’, editado por Amnistía Internacional. Trátase dunha actividade aberta ao público dentro deste programa de ‘Viñetas Inclusivas’.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario