O Partido Popular de Galicia acusa ao BNG de «situarse no lado incorrecto» coa súa decisión de apoiar o veto da presidenta electa de México ao rei Felipe VI e co seu apoio á ditadura de Nicolás Maduro en Venezuela, polo que esixen aos seus socios do PSdeG que lle pidan explicacións por esta «falta de respecto» a Galicia e ao conxunto de España.
En declaracións aos medios esta mañá en Santiago de Compostela –acompañada polo coordinador de Acción Exterior do PPdeG, Rubén del Río, e o concelleiro compostelán Adrián Villa–, a secretaria xeral dos populares galegos criticou a «inxustificada» decisión da presidenta electa de México de non invitar ao Rei de España á súa investidura e afeou a Ana Pontón a súa presenza neste acto.
«O BNG, unha vez máis, recupera as súas ideas extremas e sitúase do lado de partidos como Sumar, Podemos, Bildu ou ERC, que só buscan ir en contra de España e das súas institucións», afirmou ao tempo que lamentaba que o PSOE galego, en calidade de socio dos nacionalistas en moitas institucións, «non lle teña pedido á señora Pontón e ao seu partido que rectifiquen e pidan perdón aos españois por esta inxustificada aldraxe».
Contrapuxo esta actitude coa dun PPdeG que, reivindicou, estará sempre «ao carón das institucións, do Estado de Dereito e do Xefe do Estado» ao igual que o está do pobo venezolano que hoxe protagonizará unha marcha mundial para pedir liberdade en Venezuela e o recoñecemento de Edmundo González como presidente lexítimo.
«O PSOE e o BNG deberían rectificar, deixar de situarse ao carón de Maduro e poñerse do lado dos milleiros de venezolanos que tiveron que abandonar o seu país e dos máis de 30.000 galegos e galegas que residen en Venezuela e están a sufrir a vulneración de dereitos e liberdades por parte do réxime bolivariano», explicou.
Paula Prado concluíu neste sentido pedindo a socialistas e nacionalistas que «chamen ao que está pasando en Venezuela polo seu nome: ditadura» e que, dunha vez por todas, «se poñan do lado da democracia e non da ditadura».