Centos de persoas participan este sábado na terceira edición da andaina Camiña Coruña, organizada pola AMI coa colaboración do Concello

por 21 Noticias

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de lles dar hoxe a saída ás e aos participantes inscritos na terceira edición do Camiña Coruña, unha andaina non competitiva ideada para explorar moitos dos espazos emblemáticos da cidade, unha iniciativa na que o Concello colabora coa entidade organizadora, a Agrupación de Montañeiros Independentes (AMI).

A xornada arrincou esta mañá ás 9.00 horas desde a contorna do Palacio dos Deportes de Riazor. As boas condicións meteorolóxicas favoreceron o desenvolvemento da andaina, que continuará ao longo deste sábado e na que participan hoxe centos de persoas, dividida en tres categorías por distancias: a máis curta, de 16 quilómetros, e as outras dúas de 28 e 50 quilómetros, respectivamente.

Manuel Vázquez destacou o carácter deportivo do Camiña Coruña, no que se estipulan uns tempos máximos para rematar a andaina, “mais cun concepto recreativo no que as e os participantes gozan do percorrido competindo contra si mesmos”, indicou.

As rutas deste sábado lévanse a cabo a través dos espazos peonís e sendeiros da Coruña e, no caso do percorrido de 16 quilómetros, incluíuse tamén unha proba de geocaching, modalidade que consiste na busca e resolución de adiviñas ou enigmas escondidos ao longo do traxecto, con información de interese sobre a cidade.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario