Haberá exposicións, talleres e visitas escolares co fin de concienciar e formar a cidadanía sobre os riscos dos incendios e accidentes.
A Semana da Prevención 2024 comezará este xoves, 3 de outubro, e prolongarase ata o vindeiro luns 7. A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, recibiron hoxe en María Pita o representante da Fundación MAPFRE, Ángel Manuel Pardo, xunto co director da Área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán e os bombeiros David Hermida, Alfonso Breogán, Marcos Varela, Francisco González e Jesús Valencia.
A Semana da Prevención chega á súa edición número 24 na cidade, e é A Coruña o único concello que leva a cabo esta iniciativa desde o seu comezo. «O Goberno de Inés Rey busca concienciar e formar a cidadanía cun programa adaptado a todos os públicos, pero especialmente deseñado para a mocidade e os nenos e nenas», sinalou Paz.
O obxectivo da Semana da Prevención é trasladarlle á cidadanía unha serie de coñecementos de autoprotección para que sexan capaces de identificar os riscos que se poden presentar no contorno máis inmediato, como é o fogar, a escola ou o centro de traballo. As persoas que participen adquirirán unha serie de coñecementos necesarios para poder actuar en diferentes situacións de risco.
Como cada ano, a praza de María Pita será o punto de encontro desta Semana da Prevención. Alí instalarase o Parque da Prevención, con diferentes actividades e demostracións, entre as que destacan a recreación dunha vivenda durante un incendio. Durante as mañás do xoves, venres e luns, das 11.00 ás 13.00 horas, haberá visitas escolares, nas que se impartirán leccións e se levarán a cabo talleres didácticos. As tardes do xoves, venres e luns, en horario das 17.00 ás 20.00 horas, a exposición estará aberta a todo o público, con talleres e material de todo tipo. Tamén o sábado e domingo, en horario das 10.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00 horas, o Parque da Prevención estará aberto a todos os públicos.
Este ano farase especial fincapé no uso e na utilidade do detector de fumes. Segundo as estatísticas, un 70% das mortes en incendios prodúcense por inhalación. «É importante concienciar sobre o uso deste dispositivo de fácil instalación, e para facelo contaremos cos nosos profesionais», sinalou a concelleira.
Os talleres que se impartirán durante as xornadas tratarán sobre a prevención e a seguridade nos incendios na escola, a evacuación do centro escolar, o manexo de extintores, os sinais de emerxencia, a orientación e mobilidade en recintos de baixa visibilidade, manobras de RCP, incendios domésticos, pautas para seguir en accidentes de tráfico ou dispositivos de retención infantil.
Unha das novidades desta edición será un simulacro de accidente de circulación que se levará a cabo o sábado 17 de outubro no CIFP Imaxe e Son, en Someso. Colaborarán co equipo de Bombeiros a Policía Local e Protección Civil. Explicaráselles ás persoas asistentes como actuar ante este tipo de situacións. Ademais, fóra da praza de María Pita haberá xornadas formativas para o persoal traballador do polígono de Agrela e charlas en centros educativos.