Inés Rey anima á cidadanía a participar desde hoxe na Semana da Prevención

por Redacción A Coruña

Haberá exposición, talleres e visitas escolares ata o luns 7.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiu esta mañá ao Parque da Prevención, instalado desde hoxe e ata o vindeiro luns 7 de outubro na praza de María Pita. Trátase do elemento central da Semana da Prevención, que organiza o Concello a través do seu servizo de Bombeiros, xunto coa Fundación MAPFRE.

Rey puido supervisar unha das visitas escolares que estaba tendo lugar neste espazo, onde hai diferentes mostras e actividades para todos os públicos. O obxectivo desta iniciativa, que cumple a súa edición número 24 na cidade, é trasladarlle á cidadanía unha serie de coñecementos de autoprotección para que sexan capaces de identificar os riscos que se poden presentar no contorno máis inmediato, como é o fogar, a escola ou o centro de traballo. As persoas que participen adquirirán unha serie de coñecementos necesarios para poder actuar en diferentes situacións de risco.

«Animo á cidadanía a achegarse estes días a María Pita e comprobar de primeira man o gran traballo que leva a cabo noso equipo de Bombeiros en materia de prevención, pois sempre temos algo que aprender para poder aplicalo en caso necesario», indicou a rexedora. Este ano faise especial fincapé no uso e na utilidade do detector de fumes. Segundo as estatísticas, un 70% das mortes en incendios prodúcense por inhalación.

O Parque da Prevención conta con diferentes actividades e demostracións, entre as que destacan a recreación dunha vivenda durante un incendio. Durante as mañás do xoves, venres e luns, das 11.00 ás 13.00 horas, haberá visitas escolares, nas que se impartirán leccións e se levarán a cabo talleres didácticos. As tardes do xoves, venres e luns, en horario das 17.00 ás 20.00 horas, a exposición estará aberta a todo o público, con talleres e material de todo tipo. Tamén o sábado e domingo, en horario das 10.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00 horas, o Parque da Prevención estará aberto a todos os públicos. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario