Galicia é líder nacional no fomento do castiñeiro por superficie cultivada, calidade da produción e loita contra enfermidades

por Redacción Galicia

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta mañá na inauguración do III Foro da castaña, que se celebra hoxe e mañá no concello ourensán de Riós. Na súa intervención neste evento, o director xeral destacou a condición de Galicia de líder nacional en materia de fomento do castiñeiro, tanto no que atinxe á superficie cultivada como na calidade dos produtos asociados, así como na loita fronte enfermidades e pragas. Salientou ademais que a castaña é un recurso cun valor crecente no mercado e lembrou o compromiso da Consellería do Medio Rural con estas producións.

Esta actividade enmárcase no convenio que a Consellería do Medio Rural ten asinado co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este acordo céntrase na execución, a través da participación activa do Centro Agroforestal de Riós, dun programa específico de identificación, vixilancia e promoción da xestión activa dos soutos tradicionais de castiñeiros e das masas de frondosas autóctonas, con especial fincapé na promoción de agrupacións de propietarios para a xestión conxunta sobre figuras de base asociativa, civil ou mercantil, e na loita contra as doenzas do castiñeiro e as frondosas autóctonas.

Plan Forestal e Programa do Castiñeiro

Nesta liña, Chan referiuse ao Plan Forestal de Galicia e, máis concretamente, ao Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña como follas de ruta que está seguindo a Xunta neste eido. Sinalou que, neste marco, a Consellería está desenvolvendo accións como a recuperación de plantacións de castaño para froito, a restauración de soutos tradicionais, a promoción da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia ou o control de pragas e enfermidades.

En concreto, o director xeral fixo referencia ao Plan piloto de fomento da xestión conxunta dos soutos, que se está levando a cabo en diversas localizacións estratéxicas nas provincias de Lugo e Ourense, nunha superficie que supera as 300 hectáreas. Concretamente, trátase de sete soutos que se sitúan nos municipios ourensáns do Bolo, Parada de Sil e A Veiga e nos lucenses de Folgoso do Courel, O Incio e Paradela.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Neste sentido, Chan puxo tamén en valor o feito de que xa se acadara o recoñecemento e rexistro das cinco primeiras agrupacións forestais de xestión conxunta vinculadas aos soutos e salientou os esforzos da Xunta na defensa fitosanitaria fronte á avespiña ou ao chancro, cun investimento de sete millóns de euros nos últimos anos en materia de sanidade forestal.

Sobre as devanditas agrupacións, o director xeral lembrou que esta mesma semana publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución de axudas para a creación destas entidades, cun investimento superior aos 775.000 euros, o que permitirá crear 20 novas asociacións e chegar ata un total de 44. Cómpre destacar, polo tanto, que en menos dun ano vanse duplicar o número destas agrupacións forestais.

Así mesmo, subliñou as diferentes liñas de axudas destinadas a apoiar tanto as novas plantacións de castiñeiro como a rexeneración dos soutos tradicionais. Así, entre outros datos, lembrou que no 2023 aprobáronse achegas cunha dotación total de case un millón de euros con esta finalidade, abranguendo unha superficie de 245 hectáreas e permitindo a plantación duns 20.800 castiñeiros. Neste ano, engadiu Chan, publicouse unha segunda convocatoria, que permitirá actuar noutras 300 hectáreas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario