A Xunta activa a 2ª edición do programa pioneiro de arraigamento para a formación co obxecto de regularizar a 145 migrantes a través do emprego

por Redacción Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asinou hoxe senllos convenios con representantes de Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas Diocesana de Lugo e da Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia co obxecto de darlle continuidade ao programa pioneiro de arraigamento para a formación destinado á integración de persoas migrantes en situación irregular e que, nesta nova andaina, prevé chegar ás 145 persoas beneficiadas, con permiso de residencia e traballo.

González aseverou que hai que abordar a situación con responsabilidade, favorecendo a integración das persoas estranxeiras a través da capacitación laboral, un obxectivo que tamén contribúe -dixo- ao dinamismo do noso mercado pola cobertura de postos de traballo de difícil ocupación. En concreto, a través dos convenios asinados -dotados cun orzamento autonómico de case 1 millón de euros-, volve avogarse polas microformacións en colaboración coas empresas, como a vía de formación máis flexible e accesible para axudar á integración no noso territorio e -á vez- responder ás necesidades do mercado.   Inclúense como novidade contidos a prol da igualdade entre homes e mulleres e a posibilidade de financiamento do permiso de conducir clase B para as persoas que -polo seu perfil- poidan precisalo de cara a aumentar as súas oportunidades laborais.

Esta mesma folla de ruta defendeu a Xunta, segundo apuntou, nas alegacións presentadas ao borrador de decreto estatal de estranxeiría, pedindo ao Goberno que non suprima as microformacións que probaron a súa efectividade en Galicia no marco da vía do arraigamento para a regularización administrativa dos inmigrantes. Tamén se insistiu ao Executivo, ademais de que axilice todos os trámites da súa competencia e que facilite a homologación dos títulos formativos, que teña en conta o emprendemento á hora da regularización pola vía do arraigamento sociolaboral.

O conselleiro considerou vital -nesta segunda etapa do programa pioneiro de arraigamento para a formación- volver determinar os ámbitos con máis posibilidades de inserción laboral da man das empresas e elaborar itinerarios individualizados de formación que aseguren o seguimento e acompañamento dos participantes, de principio a fin. E por suposto, engadiu, que a formación  facilitada vaia encamiñada a conseguir a integración efectiva dos participantes no mercado laboral.

Balance da 1º edición

A primeira edición da iniciativa beneficiou -coas mesmas tres entidades que se asinou hoxe- máis de 100 persoas, das que o 100% das que recibiron microformacións conseguiron permiso de residencia e arredor dun 70% acadaron un traballo indefinido. O obxectivo agora é chegar deica finais do ano que vén aos 145 migrantes con autorización de residencia e de traballo.

Cómpre destacar que na pasada edición leváronse a cabo case 60 accións formativas nas catro provincias, centradas en eidos con necesidade de man de obra como o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario