A sétima edición do Festival Intersección traerá á Coruña máis de 70 películas de 16 países e estreas mundiais e nacionais

por Redacción A Coruña

Intersección – Festival Internacional de Cine da Coruña anunciou este martes os títulos que formarán parte das súas seccións competitivas na edición de 2024, unha aposta por unha programación internacional que reflicte diferentes maneiras de mostrar a realidade desde a creación audiovisual. A programación acolle películas independentes creadas desde o risco e a innovación e indaga nas novas linguaxes cinematográficas.

Ademais, Intersección tamén avanzou que levará a cabo dous talleres creativos; interpretación ante a cámara co recoñecido director e guionista de cinema galego Alfonso Zarauza e ‘París/Berlín/Moscova: a rebelión do tempo’ impartido por Memoria e Cinema.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do certame, na que tamén estiveron o director de AGADIC, Jacobo Sutil e o director do festival, Gonzalo E. Veloso, presentaron a programación do festival e as actividades preparadas para esta edición.

 «O Goberno de Inés Rey está a facer un grande esforzo para que A Coruña siga sendo o referente galego do cinema, acollendo ao longo do ano diferentes actividades relacionadas coa sétima arte abertas a toda a cidadanía», sinalou Gonzalo Castro. O concelleiro puxo en valor o esforzo levado a cabo pola organización de Intersección para traer á cidade diferentes estreas que habitualmente non teñen espazo nas salas comerciais. «Estamos ante unha cita de primeira categoría, xa consolidada na rica axenda cultural da cidade e que conta co total apoio por parte municipal, ao encadrarse á perfección no carácter cultural e avanzado da nosa cidade», indicou.

Intersección programará máis de 70 títulos procedentes de 16 países. O festival terá estreas mundiais, nacionais e galegas, ademais de obras novas que dificilmente chegarán ás salas ou plataformas. Haberá un total de 42 títulos nas súas seccións competitivas, Internacional, Galicia e Escolas. A Sección Internacional contará con 21 películas procedentes de 14 países, dos que cinco terán a súa estrea mundial no festival e oito a súa estrea nacional. Estarán en Intersección os últimos traballos de cineastas como Travis Wilkerson, Nelson Carlos dos Santos Arias, María Cañas, Kevin Jerome Everson, Martin Rejtman ou Courtney Stephens.

Pola súa banda, a Sección Galicia conta un ano máis con representación en dous formatos: o expositivo e o monocanal, o que permite ampliar os rexistros cos que traballamos e dar maior consistencia á cobertura de artistas en órbita. Un total de 19 títulos competirán nesta sección con traballos de Lois Patiño, Xacio Baño, Inés Pintor, Hugo Amoedo ou Sabela Eiriz.

A Sección Escolas estará comisariada polo colectivo Memoria Cinema e compoñerase de cinco títulos. Escolas descobre os primeiros traballos dos artistas que irrompen con forza na industria cinematográfica e recolle as propostas máis libres, interesantes e aventureiras dos cineastas emerxentes.

Outra das principais apostas deste ano é Nexus, o espazo de industria de Intersección. Desde os seus inicios, o festival desenvolveu diferentes programas de impulso e apoio ao ecosistema galego da industria audiovisual. Dentro de Nexus desenvolveranse actividades que potencian o festival como nodo de comunicación cultural e comercial entre os diferentes axentes do sector audiovisual. Neste espazo aúnanse programas formativos e de apoio á creación, como Intersección Lab, xunto con espazos de coprodución como Foro e matchmaking como Ágora. Tamén se integran en Nexus encontros profesionais, paneis, presentacións e outras actividades que teñen como principal obxectivo facilitar o networking e axudar a xerar sinerxias entre profesionais da produción e creación cinematográfica.

Talleres creativos

O director Alfonso Zarauza impartirá un taller de interpretación ante a cámara. A actividade está deseñada para analizar e perfeccionar o traballo interpretativo do actor en postas de escena cinematográficas. Alfonso Zarauza é un dos cineastas máis relevantes do cinema galego contemporáneo, recoñecido como director, produtor e guionista. Ao longo da súa traxectoria recibiu dez premios Mestre Mateo e o Premio de Honra de Cineuropa en 2020.

Por outra banda, os cineastas e artistas Bruno Arias e Fran Rodríguez ofrecerán unha visión teórica do cinema de vangarda da década de 1920, os seus autores e a súa influencia no cinema experimental posterior en ‘París/Berlín/Moscova: a rebelión do tempo’. Este apoio teórico buscará motivar a creación de pequenas pezas protagonizadas pola cidade da Coruña, cuxas imaxes dialoguen entre si e coas achegas do cinema de vangarda que emerxeu fai cen anos.

Os asistentes aprenderán sobre a creación dunha obra audiovisual experimental ao longo de catro sesións que terán lugar nas datas do festival.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario