O secretario xeral do PSdeG denuncia que no primeiro semestre do ano non se executou nin un só euro do programa de acceso á vivenda, e dende o 2009 os gobernos do PP deixaron sen gastar 270 millóns de euros desa partida presupostaria
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe no pleno do Parlamento, durante a sesión de control ao Goberno, a falta de políticas, por parte da Xunta, destinadas a unha mocidade que vive hoxe graves problemas. E en Galicia, “aínda máis”, recordou.
O portavoz do Grupo Socialista preguntoulle a Rueda, precisamente, polas medidas que pensa implementar o Executivo galego para enfrontar esas dificultades, entre as que mencionan unha taxa de paro que na comunidade chega ao 27 % nos menores de 35 anos, baixos salarios ou unha falta de pulo económico en moitas comarcas que os obriga a desprazarse a vivir ás cidades, debido a un caótico transporte público por estrada.
Besteiro sinalou que se trata dunha xeración brillantemente formada, pero o acceso ao mercado laboral é inxusto, remarcou en contra das manifestacións do presidente da Xunta, que onte aseguraba que o futuro da xente nova xa non depende da súa capacidade económica, senón unicamente do seu esforzo. A realidade é que dous de cada tres mozos e mozas que nacen en familias de renda baixa pasarán toda a súa vida tendo rendas baixas, e a esperanza de vida dunha persoa que nace en zonas de elevado poder adquisitivo é practicamente dez anos máis alta que a de quen nace nun entorno desfavorecido. Por iso, cualificou de “soberbia” a posición dun presidente galego “desconectado da realidade”.
Invitouno, ademais, a pensar na diferenza que supón para un mozo ou unha moza iniciar unha vida adulta tendo unha vivenda en propiedade ou tendo que pagala, para centrar a súa intervención nas dificultades que ten a xente nova para acceder a un piso ou unha casa. A maioría deles “xa non poden pensar en comprar” porque carecen de recursos para dar unha entrada. A alternativa é “dedicar máis da metade do salario para alugar unha vivenda na que poder vivir”.
O secretario xeral explicou que, a día de hoxe, en Galicia hai 18.000 demandantes de vivenda pública, segundo consta no rexistro oficial. É unha cifra que se multiplicou por catro nos últimos seis anos. Deles, gran parte son xente nova. Mentras, durante os 15 anos de gobernos do PP, construíuse en Galicia menos vivenda pública que nos catro anos do goberno de Emilio Pérez Touriño.
José Ramón Gómez Besteiro denunciou que a Xunta non executou na primeira metade deste ano nin un só euro da partida orzamentaria destinada a acceso á vivenda, que inclúe os fondos para bonificacións do aluguer ou os programas de apoio. A iso sumou que dende o 2009, nesa mesma partida quedaron sen gastar 270 millóns de euros. “Se vostedes fixesen o seu traballo nos últimos anos, agora habería máis vienda accesible”, criticou.
O portavoz socialista lamentou que ata o de agora as solucións que buscou o PP ao problema da vivenda foron bastante simples. A primeira, coller o investimento do Estado e tratar de facelo pasar como se fose da Xunta, para comezar agora a falar de vivenda de promoción pública. Outra, facilitar que se constrúa máis vivenda privada, pensando que “o mercado se regulará só”.
Fronte a elas, propúxolle a Rueda que “deixe de torpedear” a aplicación da Lei de Vivenda e facilite que as cidades poidan declarar zonas tensionadas para contribuír a que baixen os prezos. Tamén que poña en marcha medidas de garantías para o alugueiro, en primeiro lugar para ofrecer aos propietarios seguridade xurídica do mantemento das súas vivendas; en segundo, para “penalizar a especulación”, e en terceiro lugar, para que os prezos para os inquilinos non vaian máis alá dun 30 % do seu salario. Finalmente, invitouno a desenvolver un plan ambicioso de vivenda pública a medio e longo prazo, e con “determinación”.