O PSOE de Ribeira reclama á Xunta axudas ao sector pesqueiro da localidade

O voceiro socialista local e segundo tenente de alcalde de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, participou nunha xuntanza coa Confraría de Pescadores e a Deputación da Coruña para tratar varias problemáticas

O PSdeG-PSOE de Ribeira reclama á Xunta de Galicia axudas ao sector pesqueiro da localidade para garantir a súa actividade ante as problemáticas que este está a experimentar.

O voceiro socialista local e segundo tenente de alcalde de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, asistiu xunto a outros representantes do Concello a unha reunión coa Confraría de Pescadores de Ribeira e a Deputación da Coruña para tratar ditas problemáticas.

Asistiron á reunión, entre outras persoas, a deputada responsable da área de Mar da Deputación, Cris Capelán, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furnos.

Na xuntanza explorouse a posibilidade de acceso da lonxa de Ribeira a futuras axudas da Deputación provincial. “Agradecemos o compromiso da Deputación co sector en Ribeira, ao non poder acceder ás axudas correspondentes que a Xunta está creando”, sinala Suárez-Puerta.

“O Goberno galego debería dar máis axudas á pesca en Ribeira ante a situación actual, que ten ocasionado que 15 barcos se visen obrigados a ficar amarrados no porto por falta de cotas”, explica o socialista.

“Isto está creando problemas importantes tanto para os traballadores como para os armadores e a xerencia da lonxa, todo o sector vese afectado por esta problemática”, engade.

“Por todo isto é moi importante afianzar estes vínculos entre o sector, o Concello e a Deputación, que co tempo darán os seus froitos e farán máis forte á pesca en Ribeira”, afirma o portavoz socialista.


Tamén se acordou na xuntanza avanzar entre as partes reunidas para que a lonxa poida acadar os estándares MSC (Marine Stewardship Council), que permitirán certificar que os produtos proceden da pesca sostible e que as empresas comercializadores cumpren co Estándar de Cadea de Custodia en materia de trazabilidade.

“Esta certificación permitiría abrir a comercialización de produtos da lonxa de Ribeira a grandes mercados estranxeiros, que actualmente non adquiren estes produtos por non ter estes o certificado”, indica Suárez-Puerta.

Tamén se trataron na xuntanza outros puntos, como o da creación dun museo do mar nunha zona da lonxa, xa que existe unha gran demanda por parte dos visitantes de coñecer mellor o seu funcionamento.

Tamén o da creación dunha ludoteca, que permitise que durante momentos puntuais os fillos e fillas de traballadores da instalación puidesen quedar nela mentres os seus familiares realizan as súa actividade laborais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios