Besteiro propón frear por lei a especulación coa vivenda pública en Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ratificou hoxe o compromiso dos socialistas galegos coa “vivenda, vivenda, vivenda e freo á especulación”. O líder dos socialistas galegos anunciou que o PSdeG proporá as modificacións legais necesarias “para que a vivenda pública sexa verdadeiramente pública”, durante a visita á Coruña xunto coa ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez.

O responsable socialista esixiu control fronte á especulación que está a provocar que os mozos e mozas teñan que gastar no alugueiro máis da metade do seu salario mensual: “Así non se pode vivir”, remachou. Gómez Besteiro anunciou unha proposta dos socialistas galegos para que “non teñamos que asistir nun futuro ás formas de actuar do PP e da dereita española e galega”, que amparan a “marcha das vivendas públicas aos fondos privados”.

Apuntou que os propietarios e propietarias “teñen todo o dereito de sacar aproveitamento das súas propiedades”, pero advertiu que “non poden especular”, polo que sinalou que o goberno galego debe poñer en práctica as súas competencias para frear estas prácticas perversas. Resumiu que os socialistas defenden o freo á especulación e a garantía da seguridade aos propietarios: “Vivenda, vivenda, e fundamentalmente vivenda en venda e aluguer pública”.

Gómez Besteiro visitou hoxe a zona de obras en Xuxán —A Coruña— xunto coa ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodriguez, e coa alcladesa de A Coruña, Inés Rey,antes de desprazarse ao Centro Integrado de Formación Profesional de Someso, na cidade herculina.

AP-9

O líder dos socialistas galegos saudou o anuncio do ministro de Mobilidade da ampliación das bonificacións ás peaxes que, dixo, demostran que “estase abrindo á realidade o camiño da gratuidade que propón o PSdeG dende hai meses”. Sinalou que os socialistas galegos están “a favor do traspaso, e o rescate virá cando se decrete ilegal o incremento da prórroga da AP-9 decretado por Aznar, pero mentres tanto temos que camiñar cara á gratuidade”.

Dixo que o incremento das bonificacións ata o 75 por cento das peaxes na AP-9 e tamén na AP-53 forman parte do “camiño sen fin ata chegar ao cen por cen, que cada vez está máis cerca”, grazas ás xestións do PSdeG “con humildade, tranquilidade e paso firme”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios