A Deputación de Ourense ultima os trámites para o inicio dos traballos de restauración da fachada do Pazo Provincial

por Redacción Ourense

O Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como «edificio de protección estrutural», o que obrigou a contar con especialistas para determinar o tratamento axeitado contra as pegadas de pintura que danaron o histórico inmoble

Os servizos técnicos da Deputación de Ourense están a ultimar os trámites para o inicio dos traballos de restauración da fachada do Pazo Provincial, que sufriu graves danos polo lanzamento de pintura, botes de fume e petardos contra esta parte do histórico inmoble.

Nos próximos días a Deputación licitará as obras a realizar no inmoble, actuacións que non só comprenderán a fachada principal, onde se concentran os danos máis importantes, senón que se estenderá ao laterais esquerdo, dereito e fachada posterior do Pazo Provincial.

Os traballos incluídos no proxecto de restauración, redactado polo servizo provincial de arquitectura, inclúen a eliminación das manchas de pintura na pedra, nas paredes, portas e xanelas, labores que obrigarán á colocación dunha estrutura en toda a fachada da rúa Progreso.

O Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como «edificio de protección estrutural», é dicir, un inmoble que polo seu valor histórico ou artístico ou a súa calidade arquitectónica e construtiva singularízase na contorna na que se sitúa.

Esta condición obrigou a contratar unha empresa especializada en restauración para determinar o tratamento axeitado contra as pegadas de pintura e determinar que produto, entre os permitidos, ocasionaría menos dano a unha pedra que se caracteriza pola súa notable porosidade, de aí a dificultade da eliminación da pintura.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario