Dende o Grupo Provincial Popular non entenden como no mes de outubro aínda hai municipios nos que non se desbrozou “nin un quilómetro de estradas provinciais”: “é unha auténtica irresponsabilidade que haxa concellos nos que deixaron que a maleza medrase sen control durante todo o ano e en Folgoso do Courel, en outono, aínda non se desbrozou nin un metro”.
“Estamos en outubro e non tocaron nin unha silva nas estradas provinciais de Folgoso do Courel”. Así de contundente se amosa o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, tras percorrer es vías propiedade da Deputación neste municipio xunto a súa alcaldesa, Lola Castro.
Antonio Ameijide pon sobre a mesa esta realidade, exemplificada en Folgoso do Courel, pero que “afecta a moitos concellos” nos que aínda se están iniciando estes traballos e outros nos que nada se fixo. “Unha vez máis ponse en evidencia a deficiente xestión do goberno provincial de PSOE e BNG que, ademais, pon en risco a todos os usuarios destas estradas xa que a maleza invade a estrada e diminúe o espazo para que os vehículos poidan circular”, explicou.
“Unha desatención” que provoca que “se transmita a todos os turistas unha imaxe moi mala, de total abandono da provincia”. “E temos que escoitar que PSOE e BNG tamén apoian que a Ribeira Sacra sexa nomeada Patrimonio da Humanidade, pero á hora da verdade, cando poden apoiar a candidatura con feitos, non fan nada”, denunciou.
Pola contra, hai outras administracións e incluso os particulares e o sector privado se esforzan por traballar na mesma dirección para lograr unha boa imaxe da provincia e ofrecer servizos para consolidar o sector turístico, “pero o goberno de PSOE e BNG non está a axudar en nada”.