O Imelga tramitou o ano pasado máis de 25.000 pericias médicas, psicolóxicas e sociais

por Redacción Galicia

A emisión de informes psicosociais duplica as solicitudes recibidas ao longo do exercicio grazas ás medidas activadas para darlle resposta ao incremento das peticións por parte dos órganos xudiciais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Noemí Morte, presentaron hoxe en rolda de prensa o balance de actividade do Imelga durante 2023, tanto no ámbito da clínica forense, que abarca as pericias demandadas polas autoridades xudiciais en suxeitos vivos, como no de patoloxía forense, centrado nas causas e circunstancias da morte. Segundo a memoria, dispoñible na web da Xunta, o ano pasado solicitáronse máis de 25.000 probas periciais, que se reparten entre 23.258 de clínica e 2.008 de patoloxía.

Segundo se desprende do informe, a actividade do Imelga tivo un notable incremento no último lustro, cun aumento de case 1.000 solicitudes ao ano. Non obstante, ao longo de 2023 emitíronse 22.685 pericias, o que representa o 90% das solicitudes recibidas. Ademais, máis do 80% dos solicitantes tiveron á súa disposición un informe pericial definitivo.

No servizo de Clínica Forense, das máis de 23.000 pericias solicitadas, 21.502 foron médicas, 890 particulares e 866 psicosociais. No caso das primeiras, a valoración psiquiátrica forense é a máis numerosa, con case o 60% da demanda xudicial -12.600 pericias- e cun incremento progresivo nos últimos anos. Neste eido, os internamentos involuntarios, tanto hospitalarios como residenciais, representan máis do 40% da actividade. Séguenlle as valoracións por lesións, con 7.083 pericias, máis do 30% da actividade.

No que se refire ás pericias psicosociais, nas que participan psicólogos e traballadores sociais, recibíronse 866 solicitudes. Neste eido cómpre sinalar a emisión de 1.721 informes, dos que máis de 1.100 foron de familia, 228 credibilidades do testemuño e 148 probas preconstituídas. O elevado volume de emisións fronte ás solicitudes derívase das medidas excepcionais postas en marcha pola Xunta para atender o incremento de peticións de informes psicosociais por parte dos órganos xudiciais.

Como novidade na memoria de 2023 cómpre salientar a creación das Unidades de Valoración Forense Integral (UVFI), conformadas por profesionais da medicina, da psicoloxía e do traballo social forense co fin de construír un sistema probatorio de calidade nos casos de violencia de xénero e sexual, baseado nunha avaliación multidisciplinar das persoas, das contornas e das circunstancias. As súas actuacións céntrase nos casos de vítimas de especial vulnerabilidade, como mulleres, menores ou persoas con discapacidade, con 99 pericias o pasado ano.

Con carácter global, o número de pericias realizadas no ámbito da violencia de xénero e sexual ascendeu a 1.272, das que 732 foron por agresións físicas, e 419 sexuais. Estas pericias representan preto do 6% da actividade de clínica forense, mantendo a tendencia dos últimos anos.

Servizo de Patoloxía forense

O servizo de Patoloxía Forense encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. En 2023 realizáronse 2.008 autopsias, das que 1.043 se consideraron morte natural e 965 morte violenta.

As mortes naturais estúdanse cando se presentan de xeito rápido e inesperado, sen que haxa sospeitas de criminalidade. Nestes casos, a causa más frecuente é a patoloxía cardiovascular, cun 73%. A continuación, e con moita diferenza, sitúanse outras causas como patoloxías respiratorias ou dixestivas. 

No caso das mortes violentas, a meirande parte debéronse a accidentes, con 624, e a suicidios, con 326. Os 15 falecementos restantes foron por homicidios. Nesta liña, a memoria de 2023 destaca a nova colaboración entre o Imelga e outros organismos, como a Axencia Galega de Emerxencias, para compartir os resultados das investigacións das mortes por afogamento de cara á prevención no marco do Plan de salvamento en praias de Galicia (Sapraga), ou coa Dirección Xeral de Tráfico, para compartir os resultados das análises toxicolóxicas, tamén de cara a impulsar medidas preventivas.

Así mesmo, o Imelga participa no Programa de prevención e posvención das condutas suicidas en Galicia, e pode intervir na protección da saúde mental en colaboración co Servizo Galego de Saúde. Así, en 2023 o Instituto de Medicina Legal de Galicia comezou a intervir no Consello interdepartamental de coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas.

Estas colaboracións poñen de manifesto a dimensión social do labor desenvolvido no centro e o valor dos datos das investigacións realizadas. A memoria recolle tamén outras actividades, como a asistencia a máis de 1.500 xuízos orais, a realización dun milleiro de gardas ou a actividade docente e de investigación científica.

O Imelga 

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións, unha en cada unha das sete cidades galegas, e conta con 134 profesionais entre médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios dos corpos xerais e auxiliares de autopsia. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario