Besteiro critica que os usuarios das dúas autoestradas da Xunta seguirán pagando “mentres Rueda indemniza con 300 millóns ás concesionarias de catro autovías”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG censura que o Goberno galego decida intervir sobre as portaxes encubertas en lugar de facelo sobre as que pagan condutores e condutoras: «Falamos de peaxes na sombra, pero que pasa coas peaxes ao sol?»

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou que a Xunta de Galicia vaia indemnizar con case 300 millóns de euros ás concesionarias de catro autovías nas que os usuarios xa non pagaban peaxes, mentres que as condutoras e os condutores que circulan a diario entre A Coruña e Carballo e entre Vigo e Baiona seguirán aboando esas portaxes, para as que apenas existen descontos.

“O que hai un ano a Xunta dicía que non era posible, porque non había mellor método que as peaxes na sombra —as que se pagan como contribuíntes, a través da Administración, e non directamente os usuarios— para afrontar os custes desas vías, hoxe si é posible”, denunciou o líder socialista sobre a “contradición” que o Goberno de Rueda puxo de manifesto onte na súa reunión semanal.

José Ramón Gómez Besteiro advertiu que “agora danse conta” de que o cambio do sistema para o aboamento ás concesionarias da AG-56 (Santiago-Brión), da AG-11 (autovía do Barbanza), da AG-47 (autovía do Salnés) e AG-31 (autovía Ourense-Celanova) “estaba mal feito”. O resultado: “Imos investir 300 millóns en algo no que non tiñamos necesidade”.

“Falamos de peaxes na sombra, pero que pasa coas peaxes ao sol, as que teñen que pagar tantos galegos e galegas na AG-55 e na AG-57?”, censurou, e remarcou: “Eses van seguir pagando”. Fronte a esa realidade, os Gobernos socialistas “aumentan as bonificacións e van camiñando cara a gratuidade”, dixo en referencia á AP-9 e a AP-53, de titularidade estatal.

Besteiro insistiu en que os usuarios e usuarias das autoestradas autonómicas entre A Coruña e Carballo e entre Vigo e Baiona “van seguir pagando hoxe e mañá tamén”, porque a Xunta do Partido Popular “non quere liberalizar esas peaxes, que son peaxes ao sol”, insistiu. Nese senso, lamentou que esa circunstancia convirte aos veciños e veciñas de ambas comarcas en “cidadáns de segunda”, cando menos no que se refire ás comunicacións.

O secretario xeral socialista fixo estas declaracións en Navia de Suarna, a onde se achegou con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais. Alí reclamou a creación do Observatorio das Mulleres Rurais, como tamén un plan estratéxico autonómico para a muller rural e outro para a muller do mar, tal como reivindican as entidades deses ámbitos dende o fracaso que supuxo a Lei galega de Igualdade do 2023.

Besteiro visitou Embutidos Suarna, unha empresa dedicada a produtos artesanais, co 40 % do seu mercado fóra de Galicia e que está dirixida por unha muller con 24 anos de experiencia no sector.

No concello da montaña lucense, valorou o traballo das mulleres “que producen riqueza aquí”, pero, ao tempo, sinalou os problemas que enfrontan especialmente nas comarcas máis afectadas polo despoboamento e o avellentamento. Entre eles, destacou aspectos coma o incremento das cargas familiares nun mundo “fortemente masculinizado” ou a falta de centros de atención especializados.

“Reivindicamos ese estatuto da muller rural, e tamén o estatuto da muller do mar”, insistiu sobre a necesidade de que a Xunta de Galicia preste atención ás demandas que dende hai anos se lle están a trasladar dende diferentes colectivos sen que, ata o momento, artellara políticas efectivas. Para elo, a tramitación dos Orzamentos do 2025 “é un bo momento” para habilitar partidas económicas que os socialistas, asegurou, consideran “absolutamente necesarias”.

A esa demanda uniu a petición dun centro de atención á muller na montaña lucense, xa que non existe ningún que dea cobertura efectiva á Fonsagrada e ao Courel.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario