Xose Edrosa Leal
Un xulgado de Madrid abriu dilixencias penais contra o actor Willy Toledo. O presunto feito delictivo parece ser que tal actor invocou de xeito blasfemo o nome de Deus e da Virxe María. Un atentado segundo a denuncia aos sentimentos relixiosos, suponse, de todo o pobo de Deus, que vimos a ser todos os batizados, practicantes ou non. Agardo que non nos citen para ratificarnos na denuncia, pois eu de momento non outorguei ningún poder para que actúen no meu nome. Ademais do dito, teño outra dúbida procedemental en canto aos requisitos que rexen neste tipo de causas: vaise emprazar á parte directamente afectada, os que ademais da Virxe María e seguendo o misterio trinitario, serán: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo? Se seguimos ao pé da letra esta definición, estaríamos diante dunha litisconsorcio.
Non dubido da competencia profesional das partes, incluído a do señor instrutor, mais eu aconsellaríalles facer un cursiño acelerado dos principais fundamentos teolóxicos, xa que seguramente, coma a todos, dende a confirmación, se a fixeron, non abriron outro libro sobre a materia.
Lembro na miña nenez (máis ou menos coetánea coa do xustizable), este tipo de cuestións arranxábanse por outro sistema máis eficaz: se te escoitaba o crego dicindo estas lindezas, non librabas dunha boa labazada na caluga, logo a correspondente confesión dos pecados, impoñéndoche unha penitencia como sanción, a que normalmente consistía nun noso pai e varias ave marías. E se na túa casa se decataban do asunto, recibias a complementaria
Indo á cuestión de fondo deste farragoso asunto, á marxe do bo ou mal gusto do feito que deu orixe a esta litis, que deixo a beneficio de cada quen, os únicos bens xurídicos afectados, son: a liberdade de expresión e a protección dos sentimentos relixiosos. Difícil asunto de ponderar.
Non cabe dúbida que os límites da liberdade de expresión seguen a ser materia controvertida na sociedade actual. O xeito de limitala aos extremos que estamos vendo, é unha maneira de poñerlle cancelas ao campo. Xa en tempos da Revolución Francesa que sentou os principios da liberdade, igualdade e fraternidade, o concepto da liberdade foi cuestinado nun momento tráxico por Madame Roland cando esta ía ser axustizada no cadalso, pronunciando aquela derradeira frase “ liberdade, liberdade, cantos crimes se cometen no teu nome”. Agardamos mellor sorte para este artista que a dispensada a Madame Roland.
Para a defensa dos sentimentos relixiosos ofendidos xa se persoaron na causa como acusación popular a asociación de letrados, denominada “ Abogados Cristianos”, corporación que se erixe en tan noble causa, como é a de representar e defender os valores de todo o pobo de Deus. Confeso que me chamou poderosamente a atención esta iniciativa, na que lles desexo moito éxito, e que non desboten a idea de abrir sucursais aquí pola miña terra, traballo non lles ía faltar na materia, na que polo visto, están especializados. Teño escoitado dende tempos inmemoriais que ata os animais entendían mellor a linguaxe blasfema cá piadosa.
Existe un famoso conto que din inspirado nun feito real: Ía un labrego cun carro de vacas por unha corredoira, o carro embarrancou na lama, e as vacas, moi teimudas elas, negábanse a tirar do carro. Nese íntre pasaba o crego, daquela aínda había un para cuidar as almas de cada parroquia, e as casas reitorais estaban ateigadas de vida, pois aínda as silvas non as invadiran. O crego, home solidario, remanga de sotana e comeza a empurrar no carro, ao tempo que imploraba ao Señor expresións piadosas para que o gando tirara do carro. O labrego, canso xa de tanta requinaterna e kyrieleison, prégalle ao crego que por Deus se vaia que as vacas non entenden a súa linguaxe. O crego fai caso á petición do labrego e vaise, e cando estaba lonxe, o labrego bótalle un berro á xugada: arrincade vacas, me cago en … Asunto arranxado, o carro saiu coma un foguete. A omisión da palabra que falta, é para aforrarlles unha denuncia aos da corporación, e ao xulgado un caso máis que xa está ateigado dabondo de traballo e liortas.
De todos os xeitos, para este servidor, o caso acarrea certas dúbidas sobre o papel que debe xogar o xulgador; non é nada doado, pois se fai caso á defensa do actor, que vai basear na primacia do dereito á liberdade de expresión, vano acusar de que vivimos nun país sen respecto e sen normas, no que cada quen pode dicir e facer o que lle pete; e se lles fai caso aos avogados cristiáns, vano tachar de inquisidor. Un lío.
Polo de agora, se a S.S. me permite unha suxerencia, a imposición da pena ás partes, na que se inclúa á acusación popular por entrometida, imporíalles como condición previa a lectura do libro Juan de Mairena de Antonio Machado, lectura que polo que estamos a ver, non lles viría nada mal e, ademais, nas súas páxinas, poden atopar a solución a este torticeiro asunto, materia da que xa lles adianto un ilustrativo fragmento, para o seu coñecemento e efectos.
Dicía Juan de Mairena aos seus alumnos: “ La blasfemia forma parte de la religión popular. Desconfiad de un pueblo donde no se blasfema: lo popular allí es el ateísmo. Prohibir la blasfemia con leyes punitivas, más o menos severas, es envenenar el corazón del pueblo, obligándole a ser insincero en su diálogo con la divinidad. Dios, que lee en los corazones, ¿se dejará engañar? Antes perdona El – no lo dudéis – la blasfemia proferida, que aquella otra hipócritamente guardada en el fondo del alma, o, más hipócrita todavía, trocada en oración”. Fáganlle caso ao mestre.
CONCLUSIÓN .- Se para algo nos vai server este asunto, é para saber que no pobo de Deus xa temos quen nos defenda diante os tribunais de xustiza, e que a partir de agora, o cagarse neste e no outro, xa non vai saír de balde.