O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, chamou hoxe a facer “unha concentración do voto no PSdeG para frear á dereita” e evitar que se reedite logo das eleccións xerais o pacto da UTE do PP e de Vox que de acaba de plasmar en Extremadura.
O responsable socialista apunta ao pacto extremeño de PP e Vox como a mostra de que se Feijóo o precisa despois das eleccións do 23 de xullo, non vai dubidar en pactar co partido de Abascal.
Para Lage Tuñas, o acordo realizado en Extremadura foi a confirmación de que “Feijóo é un trileiro profesional” que “pide que goberne a lista máis votada e logo conforma unha UTE con Vox, a mesma coa que aspira a gobernar España con Abascal de vicepresidente”, esgrimiu.
Acusou ao ex-presidente da Xunta de poñer a “alfombra vermella a Vox” e cambiar “principios por votos”. Ante un pacto entre os populares e a formación de extrema dereita que da por seguro de darse as condicións, chamou á “necesaria mobilización do electorado progresista” e a “concentrar o voto no PSOE para frear á dereita”, especialmente en Galicia polas dinámicas de reparto de deputados.
Así mesmo, reivindicou o bo funcionamento da economía baixo o goberno do Partido Socialista e alertou de que cun goberno conformado polo PP se repetirían os “recortes sociais, en servizos públicos e en dereitos” realizados durante o mandato de Feijóo en Galicia. Nesta liña, alertou de que os discursos do líder do PP poñen de manifesto cales van a ser as súas políticas que “castigan ás clases medias”.