Os socialistas esixen á Xunta que poña fin “ás graves deficiencias do transporte por estrada en Ferrolterra”

por Redacción A Coruña

“Levamos dous anos e medio de caos e despropósito, un grave perxuízo para a comarca”, sostén Fabián Canosa, da executiva provincial do PSdeG

Os socialistas da provincia da Coruña esixen “á Consellería de Transportes da Xunta que poña fin ás graves deficiencias do transporte por estrada en Ferrolterra”.

“Dende hai mais de dous anos esta comarca está a sufrir o desleixo da Xunta de Galicia en materia de transporte, primeiro co transporte habitual de viaxeiros e dende o pasado ano tamén co transporte escolar”, sostén Fabián Canosa, portavoz de Educación da executiva provincial do PSOE

En Ferrolterra, once concellos uníronse hai xa dous anos para reivindicar un servizo de transporte de calidade, reuníndose coa Xefatura Territorial de Transporte, elevando mocións nos plenos, realizando recollidas de sinaturas e convocando manifestacións simultáneas en todos os concellos.

“A resposta da Xunta ante estas reivindicacións e ante as continuas queixas dos usuarios foi sempre a negativa, para a consellería o servizo funciona correctamente”, afirma Canosa.

“A rapazada, sobre todo a rapazada das vilas e núcleos rurais, veu minguado seu dereito a desprazarse en transporte público pola redución e supresións de liñas, fomentando a desigualdade entre a xuventude das grandes cidades e a do rural, e os nosos maiores carecen dun servizo de transporte público digno para trasladarse aos seus centros de saúde ou actividades diarias”, engade o socialista.

“Pero ademais, dende o ano pasado, coa entrada en vigor do contrato de servizo de transporte escolar que tamén gañou esta UTE, vímonos na obriga de denunciar públicamente os atropelos que esta vez sufrían os máis pequenos: retrasos continuados, paradas que non se fan e estudantes sen praza para acudir ao seu centro escolar”, lamenta Canosa.

“Dous anos e medio debería ser tempo suficiente para que o goberno da Xunta tomase medidas para paliar esta situación, e non foi así, a Consellería de Transportes da Xunta ten que activar a Comisión de seguimento do servizo e poñer fin a unha situación que está darlle o tiro de gracia a un servizo público fundamental”, remata.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario