Miguel Gallego: “A alcaldesa do BNG esqueceu todo o que prometía antes de gobernar e agora convértese na máis cara da historia de Samos”

por Redacción Lugo

“Agora que goberna, a alcaldesa do BNG de Samos parece esquecer todo o que prometía”. Así o considera o portavoz do Grupo Municipal do PP en Samos, Miguel Gallego; en relación aos gastos en salarios do goberno que pedía rebaixar, pero que non fixo; á organización das festas de San Benito das que nada se sabe a falta dunha semana ou abrir as piscinas municipais o 1 de xullo como antes reclamaba.

O popular explica que “Chus López é a alcaldesa máis cara da historia de Samos”. A pesar de que “prometeu rebaixar o custe político se chegaba á alcaldía”, a nova alcaldesa subiu o seu salario con respecto ao anterior rexedor: ao parecer ela precisa máis. E para subir o seu propio soldo, rebaixa a asignación para a dedicación parcial da concelleira de asuntos sociais”.

Gallego considera “asombrosa a hipocrisía do denominado goberno progresista de Samos”; xa que “a primeira medida é subir o salario da rexedora”, cando “prometía ser unha alcaldesa nacionalista cun salario moderado”. Para o popular “a palabrería baleira e mentireira da defensa dos intereses do pobo remata cando ten que mirar polo seu proveito”.

 
O voceiro do PP lembra que á chegada do bipartito ao goberno as arcas municipais contaban con 1 millón de euros de remanentes e, polo tanto, considera que “debería ser capaces de organizar unhas boas festas de San Benito como prometeron; pero estamos a menos dunha semana e aínda non se sabe nada. E o pobo está expectante”.

Igualmente, Gallego explica que “López reclamaba que as piscinas se abriran ao público desde o 1 de xullo, pero agora parece esquecer todo o que pedía porque os veciños e veciñas poden comprobar que aínda non están a disposición dos usuarios”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario