PSdeG: «O informe do CES destapa a xestión «catastrófica» de Feijóo con 40.000 empregos destruídos en Galicia

por Gonzalo Soto

O secretario de Industria do PSdeG, Ángel Mato, sinalou que o Consello Económico e Social presentou un informe no que alertaba da perda de corenta mil postos de traballo no ámbito industrial dende o ano 2008. Os socialistas galegos vinculan este dato á xestión do PP, e particularmente dun Feijóo que gobernou a Xunta entre o 2009 e o 2022, tendo no seu goberno as competencias en materia industrial.

Ángel Mato salienta que “á vista dos datos” que presenta o órgano fiscalizador, aos socialistas non lles queda “ningún lugar a dúbida” de como foi a “catastrófica” xestión en Galicia dun Feijóo que presume dela nos medios de comunicación durante as últimas semanas.

Para os socialistas “hai dúas realidades”, sendo a primeira a que relata Feijóo, e unha segunda que expoñen os datos do Consello Económico e Social. Recordou que levan denunciado “en moitas ocasións” que o presidente popular “non foi quen de encontrar solucións nin para o naval, nin para os sectores primarios, nin para automoción, nin para industria electrointensiva e pesada”, alegou.

Considera que “mentres o goberno de España estivo a traballar moi duramente para buscar solucións para Alcoa, para Stellantis ou para o naval galego” tivo que contar “coa pasividade dun goberno galego desinteresado en facer unha aposta pola innovación, como pola transición enerxética”, os cales para o seu partido son “sectores nos que hai importantes nichos de mercado e nos que Galicia podería situarse na vangarda”.

Mato tamén fixo referencia a que na memoria do organismo independente critican as listas de agarda “inadmisibles” da atención primaria en Galicia, así como a perda de persoal sanitario nestes anos de goberno do PP. Por iso, sorpréndelle ver como Feijóo presume de novo de que deixou á comunidade “á vangarda das prestacións sanitarias” do Estado, cando datos, profesionais e usuarios apuntan na dirección oposta.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario