A porcentaxe de vacinación na poboación infantil subiu en todas as idades
A Xunta superou xa o obxectivo de vacinación da gripe na poboación infantil de 6 a 59 meses ao acadar a taxa do 60,37 %, cando a taxa fixada para toda a campaña era do 60 %.
Na mesma data do ano 2023 a porcentaxe de vacinación da gripe na poboación infantil era do 42,56 % e ao final da campaña acadouse un 55,78 %, cifra que nestes momentos xa foi superada en cinco puntos.
A Dirección Xeral de Saúde Pública, organismo coordinador desta iniciativa, remarca que a porcentaxe de vacinación na poboación infantil subiu en todas as idades.
Así, nos nenos e nenas de menos dun ano pasouse dunha cobertura da campaña do 77,11 % no 2023 ao 82,8 % da actualidade; na cativada dun ano de idade a porcentaxe pasou do 59,89 % do pasado ano ao 64,1 % do actual; nos de dous anos, o incremento foi do 53,18 % ao 61,73 %; nos de tres anos pasouse do 48,62 % do 2023 ao 55,83 % deste 2024; e, por último, nos nenos e nenas de catro anos, pasouse do 45,65 % ao 50,75 %.
Por primeira vez na campaña deste ano a Xunta está a proceder á vacinación contra a gripe na poboación infantil coa aplicación da intranasal a partir dos 24 meses.
Outro dato significativo dos bos resultados que se están a acadar nesta campaña de vacinación dos virus propios do inverno, é que o 80,25 % das persoas maiores de 80 anos xa se vacinaron da gripe.
Fin da vacinación en grandes recintos
De acordo ao cronograma establecido pola Dirección Xeral de Saúde Pública cómpre apuntar que, dun xeito xeral, a vacinación nos grandes recintos rematará o vindeiro 21 de decembro.
Con todo, haberá excepcións a esta data pois, no caso do Recinto Feiral Expourense, a vacinación neste espazo xa finalizou o 5 de decembro; no recinto Feiral Vigo-Ifevi concluirá o 14 de decembro; e no caso do Recinto Feiral Expocoruña, estenderase máis alá do 21 de decembro.
A Consellería de Sanidade informa que malia ao peche dos grandes recintos, as persoas que así o desexen poderán vacinarse nos hospitais públicos, ao continuar a campaña de vacinación nestes centros sanitarios.
Toda a información pode consultarse na web de gripe, https://gripe.sergas.es.
Así mesmo, os horarios de vacinación en grandes recintos están dispoñibles na seguinte ligazón:
HORARIOS DE VACINACIÓN EN GRANDES RECINTOS – Contidos taxonómicos
Importancia da vacinación
A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública subliña a importancia prioritaria que a Xunta concede á vacinación, posto que se trata da ferramenta máis eficaz para previr a enfermidade.
Galicia conta co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo, sendo a nosa comunidade líder en España, tanto en taxas de cobertura, como na introdución de novas inmunizacións.
Por último, Sanidade lembra que o obxectivo xeral da campaña que está a piques de rematar é diminuír o número e a gravidade das complicacións do padecemento dos virus invernais, tentando minimizar o impacto na saúde mediante a súa prevención.