O BNG presenta á veciñanza de Vilalba os 10 compromisos estratéxicos para Galiza que defenderá no Congreso

por Redacción Lugo

O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, achegouse ata Vilalba onde participou nun reparto informativo na feira xunto co concelleiro do BNG na vila, Tino Alvite, e militantes do BNG. Daniel Castro informou á veciñanza sobre os 10 compromisos estratéxicos que o BNG defenderá no congreso a partir do 23 de xuño, e explicou que «as galegas e galegos precisamos dun grupo galego forte co BNG para que o Goberno do estado atenda ás nosas necesidades».

Para Daniel Castro, «a representación do BNG no Congreso será decisiva para conseguir melloras necesarias en infraestruturas, enerxía, investimentos públicos, competencias e benestar social e liberdades». «O BNG usará a súa representación no Congreso para que se atendan as necesidades das galegas e galegos».

Entre os puntos do decálogo do BNG para o Congreso figuran o aumento da partida orzamentaria destinada á dependencia, a mellora do transporte público e das conexións nas vilas do interior da Galiza, a posta en marcha dunha transición do modelo enerxético que poña fin ás especulacións das eléctricas, ou a suba das pensións.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario