O Tribunal de Contratación dálle a razón a CCOO e obriga a corrixir os pregos da licitación da axuda no fogar da Estrada

Os cálculos do Concello non recollían a actualización de salarios prevista no convenio colectivo, «algo fundamental para o cumprimento das obrigas laborais», salienta o sindicato

 O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) acaba de darlle a razón a Comisións Obreiras e obriga o Concello da Estrada a corrixir os pregos da licitación do servizo de axuda no fogar (SAF). A decisión chega tras a presentación dun recurso por parte da Federación do Hábitat do sindicato, advertindo que o cálculo orzamentario realizado pola Administración local non recollía a actualización salarial prevista no convenio colectivo de aplicación, «algo fundamental para garantir o cumprimento das obrigas laborais».

Luis Rodas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Hábitat, sinala que, ao non se recoller esta previsión, púñase en risco «a viabilidade económica do contrato» e, polo tanto, o cumprimento das condicións laborais recollidas no convenio colectivo da axuda no fogar. O TACGal determinou que os custos salariais deben ter en conta a evolución salarial durante a duración do contrato, asegurando así que os traballadores e traballadoras non sufran recortes nos seus dereitos laborais.

«Esta vitoria é un claro exemplo de que os dereitos laborais non se deben ver afectados pola falta de previsión nas licitacións públicas», salienta Rodas. «Os salarios deben ser adecuados ao convenio colectivo para evitar prexuízos ás persoas traballadoras e garantir a súa dignidade laboral», insiste o sindicalista, ao tempo que lembra que os custos salariais alcanzan o 84 % do total do contrato.

Tras esta resolución, CCOO-Hábitat informa de que seguirá «vixiante» para garantir que todos os contratos públicos respecten os dereitos laborais e continuará a presentar recursos «cando sexa necesario» para defender a xustiza e a igualdade nas condicións de traballo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios