Galicia cólgase dous ouros e dous bronces no BTT do Campionato de España Escolar en Cartagena

por Redacción Deportes

A cadete Lorena Patiño revalidou o título e o cuarteto infantil masculino impúxose por equipos. Mauro Vega fixo terceiro nos cadetes e repetiu medalla na clasificación por seleccións

A quenda do BTT no Campionato de España Escolar que ata este sábado se celebrou en Cartagena chegou na súa xornada de clausura e as carreiras en bicicleta de montaña para as categorías infantís e cadetes saldáronse cun sensacional balance de medallas para Galicia. O combinado da FCG obtivo catro podios, entre eles dous primeiros postos. Lorena Patiño revalidou o título cadete e o cuarteto infantil masculino conquistou a clasificación por equipos. Os outros dous metais foron de bronce e rexistráronse na proba cadete masculina, con Mauro Vega terceiro na táboa individual e subindo ao mesmo chanzo do caixón como compoñente da Selección de Breogán.

No rápido circuíto de Parajes de las Escarihuelas, catorce bikers defenderon as cores de Galicia baixo a dirección de José Alberto del Río. O programa de catro carreiras comezou coa cadete feminina e Lorena Patiño asinou un guión moi semellante ao protagonizada o ano pasado en Valladolid. A marinense impuxo un forte ritmo dende o inicio que lle permitiu abrir marxe e posteriormente xestionalo para acabar vencendo cun tempo de 49 minutos e 28 segundos, distanciándose en 1’07» de Mónica Estrada (La Rioja) e en 2’18» de Lucía Sánchez-Montañez (Comunidad de Madrid), as dúas corredoras que a escoltaron na imposición da camisola de campioa de España. Iris Fernández (21ª) e Lara Pita (30ª) completaron a actuación do combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG), quinto por equipos.

 width=

A competición cadete masculina arrancou comandada por un cuarteto con dobre representación de Galicia. Mauro Vega e Xian Alvariño puxeron terra de por medio xunto a Roc Cubí (Catalunya) e Rodrigo Sánchez (Comunidad de Madrid). A fortuna non acompañou a Alvariño, que picou as dúas rodas e quedou sen opcións de pugnar polas medallas e a súa praza no grupo cabeceiro cubriuna Guillermo Parrado (Andalucía). A carreira resolveuse na última volta, co nigranés Vega perdendo contacto, pero manténdose cerca dos primeiros, o que lle permitiu aproveitar a caída de Parrado para cruzar a liña de meta terceiro, a 11″ do gañador Cubí e de Sánchez. Malia a dobre avaría de Alvariño, décimo cuarto clasificado, e a un problema mecánico que arrastrou a Xoel Cidrás á 46ª posición, o cuarteto da Selección Breogán, con Marcos Rodríguez no 22º posto, logrou o bronce por equipos. Só melloraron o seu resultado colectivo Catalunya, que se proclamou campioa, e Andalucía.

 width=

A colleita de metais para o BTT da FCG incrementouse na manga infantil masculina e unicamente un cruel desenlace evitou que Galicia sumara dúas medallas en vez dunha. Lucas Lozano chegou terceiro á ultima curva, onde se lle rachou a cadea e este contratempo deixouno sen o bronce que practicamente tiña no peto. Tivo que percorrer os últimos metros correndo a pé e terminou sexto. O premio que non se lle escapou a Lozano foi o ouro por equipos. Con Lucas Blanco oitavo, Mateo Cernadas undécimo e Carlos López na 26ª praza, o cuarteto galego dominou con claridade a táboa de seleccións por diante de Catalunya e Navarra, segunda e terceira respectivamente.

 width=

En canto á proba infantil feminina, Xiana Seijo entrou no top-10 ao obter o oitavo posto e liderou ao combinado Galicia, con Nerea Soto 30ª e Iris Santana 33ª. A este terceto correspondeulle a novena praza por conxuntos.

Xincana

O Campionato de España Escolar tamén incluía no seu menú do sábado as xincanas infantís para ciclistas de estrada. Nesta competición que mestura habilidade e velocidade, a escuadra feminina galega fixo décima -con Vega Aldrey décimo cuarta, Tania Rodríguez 28ª e Antía Torres 40ª- e o equipo masculino ocupou o duodécima posición -con Roi Álvarez 25º, Mateo Vigo 37º e David Cores 53º-.

 width=

Carreiras de estrada

As rapazas e os rapaces infantís entraran en escena na véspera, o venres, coas carreiras en liña que tamén disputaron as categorías cadetes. O mellor resultado colectivo da Selección de Estrada dirixida por Jacobo Ucha rubricárono as infantís, quendando ás portas do podio. O décimo sexto posto de Antía Torres, o 26º sexto de Tania Rodríguez e o 27º de Vega Aldrey outorgoulles a cuarta posición. Pola súa banda, sobre a mesma distancia de 15 quilómetros, os infantís masculinos concluíron décimo quintos logo dun esprint masivo no que Roi Álvarez finalizou 35º, Mateo Vigo 43º e David Cores 45º.

 width=

As probas en liña cadetes, nun percorrido de 56 km, resultaron moito máis selectivas. O día despois de conseguira a medalla de prata na contra o reloxo, a galega Alejandra Neira volveu estar entre as mellores. A subcampioa de CRI xogouse o cuarto posto con outras seis ciclistas nos metros finais e rematou sétima, a 2’06 da vencedora Paula Ostiz (Navarra) e a 24″ de Izaro Etxarri (Euskadi) e de Lidia Castro (Castilla y León).

Con presenza de representantes de Galicia nas primeiras fugas, comezou a carreira cadete masculina. O quinteto da Selección de Breogán moveuse dende lonxe e estivo activo na ascensión ao Alto de Cedacero. Despois de coroar atacou Enrique Maranchón (Comunitat Valenciana), que ergueu os brazos na meta con 18″ de marxe respecto a Eñaut Urkaregi (Euskadi) e con 36″ sobre un grupo reducido pelotón de vinte unidades no que Diego López acadou a décimo oitava posición na carreira. Nun segundo ‘paquete’ terminaron Adrián García 34º, Víctor Delgado 46º, Mario Bouza 52º e Anxo Delgado 56º.

O Campionato de España Escolar 2023 baixou o pano e este domingo pecharase coas carreiras de fondo o estatal júnior de Estrada, o outro evento que esta semana ten como sede a cidade murciana de Cartagena.

Máis información e clasificacións BTT e Xincana

Máis información e clasificacións Estrada

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario