A seguridade viaria e os servizos sociais centran a primeira reunión entre o delegado da Xunta e o novo alcalde da Pastoriza

por Redacción Lugo

Javier Arias e Darío Cabaneiro valoraron algúns proxectos que requiren da coordinación de ambas Administracións

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe a primeira reunión co novo alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, centrada na seguridade viaria e os servizos sociais.

A xuntanza convocouse a instancias do alcalde e contou tamén coa presenza doutros responsables municipais e da Delegación Territorial. Cabaneiro interesouse por asuntos como os apoios do Goberno galego para vías municipais que vertebran parroquias rurais ou a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello.

Ao respecto, o delegado informou de que nos vindeiros días vanse acometer traballos de limpeza e acondicionamento das marxes. Este mesmo xoves comezarán na LU-120 (Vilalba-Paraxes), a próxima semana continuarán na LU-122 (Paraxes-Lourenzá) e rematarán na LU-125 (Bretoña-Lindín); a previsión é que estean finalizados a mediados de mes.

Na xuntanza tamén se abordaron medidas de reforzo dos servizos sociais, en especial, aqueles dirixidos á infancia e ás persoas maiores.

Castro de Rei

Igualmente, o delegado mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, para valorar algunhas iniciativas que xa están en marcha e proxectos a desenvolver nos vindeiros meses.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario