A Coruña conta con máis prazas, cun total de 7.251, que cidades de maior tamaño e orzamento
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá unha sesión dos campamentos municipais de verán no centro cívico do Castrillón. A rexedora estivo acompañada pola concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, e quixo poñer en valor o importante papel que teñen estas actividades na cidade.
«Coas melloras implantadas e a maior oferta continuamos apostando por un modelo de conciliación durante os meses de verán atractivo e variado», sinalou Rey. A alcaldesa apuntou que se ofertaron, este ano, un cento de prazas máis que o ano pasado, chegando ás 7.251. «Con esta cifras contamos con máis prazas de campamentos que cidades de maior tamaño e orzamento, como Bilbao», destacou a rexedora.
No referente ao abano de campamentos municipais dispoñibles nesta nova edición, destaca o incremento de prazas nos Campacoles, organizados en colaboración coas ANPA da cidade. Este ano, ofertarase esta modalidade en oito centros escolares, un máis que o ano pasado. A área municipal de Educación ofrece, ademais, os campamentos de inglés Summer Talk.
Incrementáronse tamén as prazas da Escola de Verán da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), uns campamentos gratuítos organizados pola Concellaría de Comercio.
O maior número de prazas dispoñibles está nos campamentos organizados pola Área de Benestar Social, nas súas tres modalidades: campamentos urbanos nos centros cívicos municipais, como o que hoxe visitou a alcaldesa, os campamentos de día que acolle o colexio Calasanz e os campamentos tradicionais de pernoctación, que este ano teñen como sede o albergue rural de Vilariño de Conso, na provincia de Ourense.
Esta ampla oferta complétase cos campamentos deportivos que se levan a cabo nas instalacións deportivas de Riazor, a Cidade Deportiva da Torre ‘Arsenio Iglesias’ e os pavillóns polideportivos do Barrio das Flores e Novo Mesoiro. Tamén cos campamentos promovidos pola área municipal de Mocidade, destinados a rapazas e rapaces en idades de entre 12 a 17 anos.