O paro cae por primeira vez en Galicia por debaixo das 130.000 persoas nos últimos 27 anos

por Redacción Galicia

Con respecto a maio, Galicia é a terceira comunidade con maior descenso do paro en termos relativos e absolutos

A cifra do desemprego descendeu por primeira vez en Galicia nos últimos 27 anos por debaixo das 130.000 persoas. O mes de xuño pechou con 129.024 persoas en desemprego, a cifra máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996. Así o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, na valoración que fixo dos datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social que se publicaron hoxe.

A titular de Emprego sinalou que o desemprego baixou e as cotizacións aumentaron tanto na evolución anual como mensual e apuntou que a cifra do paro dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego é a mellor desde que hai rexistros destas variables (2005).

En canto ao paro, con respecto a hai un ano e na comparativa con maio, caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios para a Xunta como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.

Máis polo miúdo, na evolución anual o paro diminuíu nun -8,45% (-11.908 persoas), unha caída superior á reflectida no Estado con 1,79 puntos de vantaxe. Por sectores, liderou o descenso o primario (-15,74%), seguido da industria (-12,15%), da construción (-11,28%) e dos servizos (-8%).

Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-15%) seguido das mulleres (-7,65%) e dos parados de longa duración (-2,84%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2005). Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun xuño desde 2008.

As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra en 1.067.230, un nivel superior ao reflectido hai 14 anos, en xuño de 2009.

Comparativa mensual

En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -4,02% (-5.410), unha cifra que sitúa á comunidade como a terceira na que máis cae o desemprego tanto en termos relativos como absolutos. O descenso, ademais, supera á caída rexistrada na media estatal en 2,18 puntos.

Por sectores económicos, liderou a baixada os servizos (-4,42%), seguido do primario (-3,96%), da construción (-3,27%) e da industria (-3,13%). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,77% (+8.145), e con respecto ao Estado, Galicia presenta un ritmo de subida maior. De feito, é a quinta comunidade na que máis soben as cotizacións no último mes, tanto en termos absolutos como relativos.

Rivo sinalou que os datos coñecidos hoxe reflicten que Galicia continúa a xerar emprego e que a evolución do mercado de traballo é positiva. “Seguimos, polo tanto, impulsando as nosas políticas activas de emprego e continuamos a traballar arreo para conseguir que Galicia sexa un territorio cada vez máis atractivo para traballar”, indicou.

A titular de Emprego destacou que o reto máis importante neste momento é casar oferta con demanda e dar resposta ás demandas do tecido produtivo para que as 14.000 vacantes laborais que existen hoxe en día no mercado de traballo poidan cubrirse, “e sempre coa mirada posta na igualdade”, subliñou.

Tamén indicou que co foco posto no emprendemento, xa que as micropemes e pemes constitúen o 97% do tecido empresarial: a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que está a asesorar ás persoas emprendedoras, dinamizando o mercado laboral e xerando traballo; e con axudas para apoiar o emprendemento entre os autónomos, nas pemes e na economía social, con achegas de ata 30.000 euros para os seus investimentos.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario