O PP de Monforte di que a praia fluvial anunciada por Tomé foi un recurso de propaganda electoral

por Redacción Lugo

A portavoz popular, Katy Varela, sinala que “a resposta á nosa solicitude indícanos claramente que foi outro acto de propaganda do alcalde, que ademais, bordeando a ilegalidade, fixo un anuncio de campaña utilizando as instalacións municipais”

O anuncio feito polo alcalde, o socialista José Tomé, en vésperas das pasadas eleccións municipais, en canto a creación dunha praia fluvial, só foi un acto de propaganda. Así o entende a portavoz popular, Katy Varela, á vista da resposta dada polo goberno municipal á súa demanda de acceso ao expediente tramitado para a creación da praia fluvial. Nesa resposta, sinálase que non existe tal expediente porque “as actuacións realizadas por esta alcaldía, das que se informou á cidadanía, polos medios de comunicación, son actuacións preparatorias que, ata este momento, non deron lugar a iniciación dun procedemento administrativo».

A citada resposta produciuse despois de que o PP solicitara dúas veces a documentación do expediente da praia fluvial. Os populares din que, á vista «desa información á cidadanía», todo parecía indicar que existía un expediente preparado para saír a licitación, “pois o alcalde describiu con bastante detalle o que quería facer”.

Varela di: “Este escrito de resposta á nosa solicitude indícanos claramente que foi outro acto de propaganda do alcalde, que ademais, bordeando a ilegalidade, fixo un anuncio de campaña utilizando as instalacións municipais”. Engade: “O peor é que enganou aos cidadáns de Monforte, facéndolles crer que tiña todo preparado para crear unha praia fluvial, cando realmente non ten nada preparado, só ideas na súa cabeza”.

Prioridades

No PP de Monforte teñen claro que “cos cidadáns hai que ser máis sinceros e transparentes”. Ademais cren que hai prioridades, porque “Monforte ten un claro problema coa auga que incide no seu saneamento e o primordial é solucionalo para poder gozar despois desas zonas de baño tan desexadas entre os cidadáns”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario