Cans. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu
Non é a mellor época para eles, non só polo que sufren coa calor, senón tamén polo limitado dos espazos que noutras estacións que non sexan o verán teñen a súa disposición como as praias, agora invadidas por autóctonos e foráneos onde teñen prohibida a súa presenza agás unhas poucas permitidas, aínda que ningunha delas se atopa na Costa da Morte, por máis que aquí as temos en cada curruncho. Pero ninguén debeu pensar que era boa idea que as fieis mascotas coas que convivimos todo o ano sexan merecentes dun refrescante baño.

Época propicia tamén para o abandono, para que ese xoguetiño que chegou cos reis magos e que, quen contaría! medrou e non entrou  nos plans no canto de planificar as vacacións. Que son quince días comparados con anos de saltarche enriba cando chegas a casa e lamberche ata quedar sen saliva? Parece incrible que haxa corazóns que non rachan en mil anos cando os ves mirándote mentres marchas, con esa interrogación perenne na ollada que parece querer preguntar canto vas tardar en volver. Pero hai xente que nunca volve e eles nunca saberán por que. Cans que regalan vida, que a adican a acompañar, a rescatar, a mimar aos seus sen distinción de ningún tipo. Que non coñecen o racismo nin a discrimación, que aman igual na pobreza que na abundancia, que só piden a cambio esos aloumiños ao espertar cada día. Si, ás veces incordian un pouco aos alleos, á xente coa que cruzamos nas rúas ou nos parques, que os miran con desprezo e aos donos con instinto asasino porque quizais se achegaron máis da conta. Teñen todo o dereito a non seren molestados, pero algún día un deses cans que agardan á súa familia nesas protectoras ateigadas deles e que fan un traballo inmenso e impagable, quen sabe…pode acabar compartindo sofá no seu salón. E daquela entenderano todo.
Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario