Ondas machistas. Por @DulceCorcu

Xa sabemos que a igualdade no mundo do fútbol é a día de hoxe algo utópico a todos os niveis. Certo que se avanza, que se enchen estadios e que a visibilidade mediática é moito máis evidente que hai uns anos, algo que impulsa a proliferación de equipos e de máis nenas e mozas cada día xogando ao balóns. No medio, o machismo televisado e radiado que seguimos a ver, homes que se rin das mulleres por selo, porque se cren mellores, superiores aínda que os seus logros non o sexan e, incluso en moitas ocasións, estean por debaixo dos de tantas xogadoras.

Tivemos boa proba esta semana en dous actos, primeiro na gala do Balón de Ouro e despois nunha conexión radiofónica na Cope entre Juanma Castaño e Diego Pardo, porteiro dun club de Rexional Preferente que viña de encaixar doce goles na eliminatoria de Copa do Rei, e que consideraba que algún deles era de «fútbol feminino», aludindo á que ben podía telos parado. As súas risas e as do presentaor aínda resoan nas ondas, con ese desprezo de quen está moi encima pese a vir de facer un ridículo papel. Para desculpar os seus fracasos teñen que compararse coas mulleres, minusvalorar o que elas fan cada semana para sentirse un poquiño mellores, reforzar esa autoestima ferida e volver a sentirse homes de verdade. 

Na pasada gala do Balón de Ouro, un rapeiro nixeriano chamado Rema baixaba do escenario a saudar a toda a fila de futbolistas, na que había xogadoras e xogadores, pero el só estreitou a man dos homes, pasando por diante delas con indiferencia, coma se non existisen, mentres saía televisado nas pantallas de medio mundo. Ningún dos homes alí presentes foi quen tampouco de dicir nada, de negarlle o saúdo ao rapeiro en solidariedade coas súas compañeiras. Nin o primeiro. Porque non o ven mal sequera, eles a centrarse en xogar como respostou Carvajal, capitán da selección española, ao ser preguntado pola situación do equipo feminino. Coma se elas non quixeran centrarse en xogar e fosen unhas caprichosas que a todo sacan punta para molestar aos pobres homes, vítimas dos novos tempos onde xa non poden ir por aí bicando ás mulleres se elas non queren ou mandalas á cociña se fallan un gol. As ondas machistas non cesan, pero a loita de todas nós contra elas, tampouco. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios