Formoso apela ao voto útil para “frear a España en branco e negro que queren formar o PP e Vox”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG sinala que afrontan a campaña con “ilusión” e coa “sensación do deber cumprido” polas políticas do goberno central en Galicia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou este xoves a concentrar o voto útil no Partido Socialista para frear a “España en branco e negro” que asegura queren formar PP e Vox: “non choremos despois o que agora non estamos dispostos a loitar”, apuntou.

Formoso presentou a campaña das Xuventudes Socialistas de Galicia de cara ás xerais do 23 de xullo, xunto ao seu secretario xeral, Xurxo Doval. Aproveitou para facer un chamamento á sociedade galega a dar o seu voto ao PSOE para que haxa na Moncloa un “Consello de Ministros” que defenda aos pensionistas e non un “Consello de Administración de PP e Vox” que “beneficie ao sector bancario, enerxético e privatice a sanidade e as pensións”, alegou.

Nesta liña, alertou de que as políticas dos gobernos da dereita “non teñen marcha atrás”, poñendo como exemplo a privatización de Endesa por parte do executivo de Aznar, sendo o enerxético un sector estratéxico no que entende que sería moi importante ter unha empresa pública na crise de prezos

“Ilusión e deber cumprido” con Galicia

O secretario xeral do PSdeG sinalou que afrontan estes 15 días de campaña con “ilusión” e coa “sensación do deber cumprido” con Galicia polas políticas do executivo socialista. Entre as principais accións neste sentido destacou a chegada do AVE, os contratos logrados para Navantia en Ferrol con “traballo para 15 anos”, o subministro eléctrico para Stellantis ou Alcoa, a bonificación das peaxes da AP-9, a equiparación do coeficiente redutor de xubilación para as mulleres do mar ou a transferencia de 1.800 millóns de euros á comunidade autónoma para reforzar os servizos públicos.

Fixo unha longa enumeración tamén das medidas realizadas durante estes anos que afectan ao conxunto da sociedade española, pero que tamén teñen impacto en Galicia, como son a suba do salario mínimo, a reforma laboral, a revalorización das pensións conforme ao IPC, a bonificación das peaxes da AP-9, os abonos gratuítos de trens de media distancia, os 20 céntimos de desconto por litro de combustible ou a Lei de Ciencia, entre outras.

“Aposta polo branco e negro”

Fronte a isto, entende que hai “unha aposta polo branco e negro” dos populares e a formación de ultradereita, que formarán unha UTE cuxo Consello de Administración se reunirá para “atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras, dos pensionistas, e tomar medidas contra a protección das mulleres fronte a violencia de xénero”.

Tamén pediu a concentración do voto en torno ao PSOE para evitar que Abascal sexa o que dirixa a política do goberno, preguntándose “que imaxe queremos dar ao mundo” cunha persoa que da que recordou que quixo evitar o confinamento na pandemia, promoveu que a xente non se vacinara e que nega a violencia de xénero.

“Voto transcendental”

Por todo isto, deulle un carácter “transcendental” á decisión de votar o próximo 23 de xullo, xa que “nos imos a xogar o ser ou non ser”, “protexer os seus dereitos laborais” ou impulsar a quen os ataca. Para Formoso, “votar ao PSOE significa frear a quen quere quedar ben cos bancos e non cos pensionistas”.

Con todo, confía en que “a sociedade galega é unha que quere mirar cara ao futuro” e responderá nas urnas para evitar que chegue ao goberno a sociedade formada por Feijóo e Abascal.

“Darlle un futuro ao presente do país”

Xurxo Doval, secretario xeral de XSG, lanzou a campaña coa que a organización moza dos socialistas galegos percorrerán as Galicia os vindeiros 15 días. O seu lema vai en forma de pregunta, “Repetimos?”, prantexan á mocidade galega empregando como principal argumento as medidas do executivo nestes anos en beneficio do segmento máis novo da poboación.

Entre as políticas que destacan do goberno de Pedro Sánchez coas que queren convencer á mocidade están a suba do SMI, o abono gratuíto do tren, as bolsas para estudantes, a Lei de Vivenda ou o Plan de Saúde Mental, entre outras moitas.

Fronte a isto, Doval chamou a evitar que se repitan as medidas “contra a mocidade” que aplicou Feijóo en Galicia, recordando que a súa primeira medida como presidente da Xunta foi a supresión da gratuidade dos libros de texto.

“Seremos quen de revalidar o goberno e darlle un futuro ao presente do país, que somos os mozos e mozas”, apuntou un Doval que alertou de que “non imos a tolerar o que quere o PP” que é ter á mocidade como “man de obra escrava” no mercado laboral.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario