As persoas interesadas poden participar nestas sesións, que promoven hábitos saudables durante o verán, sen necesidade de inscribirse
O Concello da Coruña pon en marcha o próximo luns, 10 de xullo, o programa Coruña en Forma, unha iniciativa que ten como obxectivo converter os espazos públicos e urbanos en instalacións deportivas ao aire libre. Trátase de actividades deportivas dirixidas, abertas á cidadanía e totalmente gratuítas.
Desde o vindeiro luns e durante os meses de xullo e agosto, os coruñeses e coruñesas poderán achegarse a diversas localizacións da cidade para participar nas actividades, sen necesidade de inscrición previa e sen límite de idade. Deste xeito, o exercicio físico moderado ocupará parques, rúas, paseos e prazas da cidade. O goberno de Inés Rey busca con este programa promover unha vida saudable durante o verán e converter A Coruña nun espazo deportivo aberto á cidadanía.
Este ano haberá dez espazos onde se levará a cabo o programa Coruña en Forma: a praia de Riazor, o miradoiro do Matadoiro, a praza dos Mariñeiros, o campo da Fundación Cruyff en Novo Mesoiro, a praza dos Avós, a praza Elíptica, o parque Europa, o parque de Vioño, os xardíns de Méndez Núñez e o Barrio das Flores. A empresa Sanbrandán colabora neste programa agasallando aos participantes.
Entre as actividades dispoñibles este verán están: tai-chi, tonificación muscular, ximnasia aeróbica, zumba, pilates, ioga, running ou patinaxe. As actividades teñen un nivel de intensidade moderado para adaptarse a todas as persoas e condicións.
Todas as actividades de Coruña en Forma serán de libre acceso e estarán supervisadas por profesionais con formación. A programación completa de Coruña en Forma pode consultarse a través da páxina web coruna.gal/deportes.