O banco central de EEUU subiu ata 10 veces os tipos, desde marzo do 2022 ata o pasado mes de maio, e prepararse para volvelo a facer ata o nivel máis alto en dúas décadas. ‘Nunha noticia aparentemente despegada da actualidade máis inmediata da campaña electoral atópase o sentido destas eleccións e da xornada do 23J’, asegurou Sara Puga, candidata de Recortes Cero. Desta maneira fala a candidata, que encabeza a lista por A Coruña, para sinalar o que di que é a clave da que depende o progreso do país, ‘esta decisión, e o anuncio de que van seguir esta senda, ten o obxectivo de concentrar os beneficios nos principais centros financeiros e significa un maior atraco para cada familia, cada autónomo e cada peme, pero tamén para a riqueza e o patrimonio do noso país’.
Recortes Cero leva na súa lema de campaña a denuncia de que ‘a inflación é un atraco de bancos e monopolios’, por iso defenden que ‘hai que redistribuír a riqueza, dispoñendo dunha parte dos enormes beneficios que están a obter á conta de toda a sociedade’. Esta fin de semana presentaron un ‘Plan de Urxencia contra a Inflación’ que inclúe algunhas das medidas contidas na reforma fiscal que propoñen. Segundo Sara Puga ‘Recortes Cero propoñemos poñer o contador a cero dos beneficios extraordinarios da banca e os monopolios que usan a inflación e a subida dos tipos de interese, ou do euribor, como motor das súas enormes ganancias, tal e como puxeron encima da mesa institucións como o FMI ou a OCDE’.
Entre as propostas de Recortes Cero está a táxa ‘ Cero’ para gravar a subida das hipotecas desde xuño do 2022, que duplicaron o seu custo, transformándoa nunha axuda ás familias para pagar as cotas, ou o ‘Imposto sobre Beneficios Extraordinarios’ co que propoñen converter os ingresos extras obtidos coa subida dos tipos de interese nun paquete financeiro que axude a pemes e autónomos a pagar os préstamos, e unha parte dos custos enerxéticos.
Na mesma liña, Recortes Cero propón unha subida do Imposto de Sociedades ata o 50% para reducirllo á metade a pemes e autónomos, ‘que son quen crea o 80% de postos de traballo do país’.
Sara Puga asegurou no comunicado difundido por Recortes Cero, que ‘sen tocar os beneficios da banca e os monopolios e deter o atraco que supón a inflación é imposible redistribuír a riqueza, calquera outra cousa son parches que ao final potencian o transvasamento de rendas dos nosos petos ás contas de beneficios de catro xigantes financeiros’. Segundo o comunicado, ‘Recortes Cero defendemos redistribuír a riqueza creando nova riqueza e emprego, non xerando máis débeda á conta dos impostos, que ao final non significa máis que máis beneficios para quen posúe esa débeda’.