Alfonso Rueda: «Podemos sentirnos orgullosos dos pasos importantes que demos para avanzar na igualdade real e non imos aceptar leccións de quen votou a favor da Lei do só si é si»

por Redacción Lugo

● O presidente do PPdeG subliñou que “nos temas serios como a igualdade ou a loita contra a violencia machista, vale máis traballar moito e falar un pouco menos”, facendo referencia a aqueles que “cren que a igualdade consiste só un slogan ou en pasar das pancartas ás leis”

● “Podemos ir coa cabeza ben alta e sentirnos orgullosos dos pasos importantes que demos para avanzar na igualdade real e non imos aceptar leccións de quen votou a favor da Lei do só si é si, como o BNG, nin dos que tardaron máis de medio ano en reformala, como o PSOE”, engadiu

● Sobre as consecuencias desta norma, Rueda lamentou que “os que son tan veloces para algunhas cousas, perderon o tempo falando e non foron capaces de facer unha reforma que, se non chega a ser polo PP, permitiría que esta lei seguise producindo os seus nefastos efectos”

 width=

● Asegurou que “non hai ningunha medida efectiva a prol da igualdade no Goberno de Sánchez”, afeándolle que empregase as políticas de igualdade como unha moeda de cambio: “En canto tivo que mercadear para seguir no poder, as políticas de igualdade pasaron de ser algo fundamental en mans da Vicepresidencia do Goberno a quedar en mans dunha ministra da que só vai quedar mal recordo”

● Recordou nesta mesma liña que coa chegada do PP ao Goberno galego en 2009 “houbo que subir todos os recursos orzamentarios destinados a Igualdade porque eran moitos menos dos necesarios”, reprochando ao bipartito PSOE-BNG que “gastase tanto en tantas cousas innecesarias e, para a igualdade, moita propaganda e poucos recursos”

● Alfonso Rueda apelou á necesidade de “traballar en serio pola igualdade facendo reformas e tomando medidas que beneficien ás mulleres e á sociedade no seu conxunto”, remarcando que Galicia é unha comunidade pioneira con medidas “fundamentais” nesta materia

● Puxo como exemplo a colaboración da Xunta cos concellos a través dos Centros de Información á Muller (CIM), así como as axudas ás vítimas de violencia de xénero “para que non teñan que aguantar nin un minuto máis co seu maltratador”

● “Cando unha muller quere rachar con esta situación intolerable, necesita que se lle oriente, que se lle ampare e que se lle comprenda. Iso é o que estamos facendo e as mulleres que sofren a violencia machista sábeno”, explicou

● O líder dos populares galegos mostrouse así mesmo orgulloso do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades, dotado de case mil millóns de euros “reais e orzamentados”, e do Plan Emega, que supón “un primeiro empurrón ás mulleres emprendedoras que soamente necesitan unha mostra de confianza para poder empezar”

 width=

● “Ninguén que milite no PP ten ningunha dúbida do rexeitamento á violencia machista e da necesidade de seguir avanzando na igualdade que, aínda que se deron pasos moi importantes, está lonxe de ser real”, concluíu

● O presidente do PPdeG foi o encargado de concluír este acto no que se celebrou unha mesa redonda moderada pola secretaria xeral de Igualdade e presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, e na que interviñeron a número 2 ao Congreso pola Coruña, Marta González, a número 3 ao Congreso por Lugo, Cristina Abades, e a avogada Rebeca Domínguez

● Entre os asistentes estaban tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, os cabezas de lista pola provincia de Lugo ao Congreso e o Senado, Francisco Conde e José Manuel Barreiro

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario