A obra do artista Mon Devane homenaxea ao doutor represaliado Rafael de Vega, coa forma do deus romano da curación
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, visitaron ao artista ourensán Mon Devane, que rematou hoxe o mural enmarcado dentro do festival Culturbán. O mural está ubicado en Rafael de Vega e homenaxea ao doutor represaliado que lle dá nome á rúa na forma do Deus romano da curación, o que é unha modernización do mito nun encontro entre mitoloxía e modernidade.
A temática plantexada é, polo tanto, relacionada coa medicina e a sanación, como non podía ser doutro xeito nunha rúa que leva por nome ao recoñecido cirurxán. A reinterpretación do deus Esculapio foi realizada cunha base de pintura plástica e acabado con pintura en aerosol, cunha paleta monocromática con predominio dos tons turquesas.
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, destacou que «co Culturban damos desde a área de Cultura un novo espazo ás propostas de arte emerxentes, achegando unha canle de difusión ás novas propostas artísticas e achegando novas ofertas de lecer á veciñanza». Lembrou tamén que «o Culturban deste ano volverá con máis murais en distintas zonas da cidade, xunto cunha nova edición do Combate Mural e máis intervencións».
Maite Ferreiro anunciou que nas vindeiras semanas está previsto presentar á veciñanza lucense a nova edición do festival Culturban deste 2023 cunha actividade lúdica na rúa Rafael de Vega.
Rúa Rafael de Vega
Maite Ferreiro lembrou que a rúa Rafael de Vega foi peonalizada pola área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida por Rubén Arroxo, no último mandato. «a rúa pasou de non ter zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza a ser un espazo amable para a veciñanza, unha pequena praza nunha zona da cidade con moita poboación».
Ferreiro destacou «a importancia de contar con espazos peonís axeitados en todas as zonas», e afirmou que «seguiremos traballando para que as persoas sexan o centro da mobilidade en Lugo».