Bugallo critica que “o 80% dos orzamentos dos plans de vivenda asignados a Galicia na etapa Feijóo quedaron sen executar”

por Redacción A Coruña

O candidato socialista ao Senado estivo no COAG da Coruña xunto a Obdulia Taboadela, candidata ao Congreso, para tratar cuestións de vivenda cos profesionais da arquitectura

Xosé Sánchez Bugallo e Obdulia Taboadela, candidatos do PSdeG-PSOE ao Senado e ao Congreso respectivamente pola provincia da Coruña, visitaron o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), na cidade da Coruña.

En palabras de Obdulia Taboadela, a visita tivo como obxectivo “falar de temas de vivenda, recoller as súas inquedanzas, e plantexar cuestións relacionadas coa primeira Lei de Vivenda estatal e a primeira Lei de Calidade da Arquitectura, aprobadas nesta lexislatura”.

A candidata socialista destacou a prioridade que para a súa formación terán a rehabilitación de vivendas nas zonas históricas ou a creación de vivenda pública na vindeira lexislatura. Neste sentido, Taboadela afeou ao PP as “0 vivendas de protección oficial entregadas pola Xunta de Galicia na Coruña dende o bipartito”.

Pola súa banda, Sánchez Bugallo lembrou que a política de vivenda “é competencia exclusiva da comunidade autónoma, como indica o Estatuto de Galicia”. Destacou polo tanto que “un dos obxectivos do Partido Socialista é reforzar os plans nacionais de vivenda e esixir ás comunidades autónomas un maior porcentaxe de execución orzamentaria deses plans”

“Por exemplo o 80% do asignado a Galicia na etapa Feijóo quedaron sen executar e se devolveron ao Estado”, sinalou o socialista. Mentres tanto, “nas cidades galega temos miles e miles de vivendas con cinco plantas sen ascensores, con problemas de impermeabilización, de eficiencia enerxética”, engadiu.

Bugallo criticou ao PP galego que “os plans para a eficiencia enerxética en vivenda foron financiados ao 100% polo Estado con fondos europeos, a comunidade autónoma non puxo un só euro e apenas executou eses orzamentos”. Como exalcalde de Santiago, sinalou tamén que o Goberno de Feijóo non entregou ningunha vivenda pública nesta cidade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario