Despois do curso de verán de dinamización lingüística que comezou hoxe xa están traballando para implantar a Universidade Sénior en Carballo
Hoxe comezou no Fórum Carballo o curso de verán de dinamización lingüística Traballando en lingua no lecer, unha iniciativa na que colaboran un ano máis o Concello e a Universidade da Coruña para normalizar o uso do galego en todos os ámbitos e de dotar de ferramentas para que ese uso da nosa lingua avance, neste caso no ámbito do lecer.
O curso de dinamización lingüística, no que participan medio cento de persoas, é unha actividade na que Concello e UDC veñen colaborando dende hai máis de 15 anos, e os bos resultados desa cooperación frutificarán a curto e medio prazo en novas propostas. “Máis cursos de verán, Universidade Sénior e quen sabe se Carballo será no futuro a sede do terceiro campus, estendendo a universidade cara esta comarca de Bergantiños e a Costa da Morte”, dixo o secretario xeral da UDC, Carlos Aymerich, na presentación de hoxe.
Con él compartiron mesa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que non dubidou en aceptar a proposta de Aymerich: “Se é verdade que hai que seguir estendendo o campus cara aquí poñémonos xa a buscar terreos. Sería importante, porque só de Carballo hai máis de 220 alumnos na UDC”.
O alcalde agradeceu á universidade que siga apostando por Carballo con iniciativas coo a Universidade Sénior, que arrincará no último trimestre deste ano, a ofreceu todo o apoio para seguir ampliando a oferta formativa no concello. Evencio Ferrero lembrou que deste curso de verán de dinamización lingüística “naceron iniciativas felices para o noso idioma como o programa Apego ou Youtubeiras, e desexamos que sigan aparecendo novas propostas para a promoción do noso idioma”.
Durante dúas xornadas moi intensas, os/as participantes no curso de verán terán a oportunidade de coñecer propostas relacionadas co xogo, o lecer, o deporte… en definitiva, co desfrute do tempo libre con propostas en galego para todas as idades.