Un gol de Marisa, o primeiro en liga logo do seu dobrete copeiro, dá ao Deportivo a súa segunda vitoria na competición, ademais de quebrar a negativa xeira de sete partidos sen gañar. O encontro, que abría a xornada 11, tivo xusto gañador. O Levante mostrou as razóns da súa incapacidade para ser mellor que os rivais, que só leve dous puntos e que solidifique nas súas mans a lanterna vermella.
En calquera caso, pensando no cadro galego, mesmo que o importante era sumar os tres puntos, o seu xogo tampouco deixa pé a moitas alegrías. Olaya foi a mellor porque rompe liñas, amplia os espazos e dá bos pases, pero ela non pode ser o único sustento no que basear a permanencia.
Pizarro, dianteira sen gol
O comezo do partido coincidiu coas pingueiras nocturnas de Claudia. Noite fría, con Riazor abrindo a Preferencia para dar outra imaxe de asistencia. Os seareiros, menos de 900 arrouparon a un equipo con poucas ideas na primeira metade.
Aos trece minutos, na aproximación con máis espazos para as locais, Pizarro recibiu o cambio de orientación á esquerda, posicionouse fronte a marcadora, orientou a saída cara á media lúa e disparou por riba da trabe.
Más sinxelo era anotar no minuto 25. A uruguaia foi e última estación dunha xogada iniciada por Ainhoa, Marisa tentou o remate en primeira instancia, pero foi Pizarro quen en mellor situación, no corazón a área, xutou contra as pernas de Alma.
Na media hora, Pizarro deu amplitude a unha contra para recibir fácil o pase de Paula. Perto da área foise entre Alma e Dolores até a última liña desde onde conseguiu dar un pase atrás para Marisa. A ex madridista, aínda que frouxo,disparou moi perto do pau,
Paula tamén gozou da súa ocasión aos 39 minutos. Na insistencia do lanzamento desde fóra, conectou un disparo que se foi abrindo cada vez máis antes de saír ao lado do poste
Do Levante, nada que contar agás o susto de súa goleadora Erika, que recuperou dun golpe aos poucos minutos de comezar o xogo, e Gabaldón, que fixo o mesmo no treito final do período.
Olaya tira do carro e Marisa fai o seu primeiro gol en liga
O segundo tempo comezou máis animado, malia que as finalizacións eran con disparos distantes. No terceiro minuto, Olaya xutou á cruceta e no quinto, como resposta, Erika golpeou a trabe.
Olaya estaba botando o equipo nas súas costas e sacou rendas nunha subida desde a círculo central. A xogada continuou até a área e cun centro cara á esquerda para que Marisa, na perpendicular ao pau, anotara o 1-0. O gol era un alivio para todas e para Fran Alonso, que cualificara o encontro como dunha final.
Ante un Levante nulo en ataque, o Deportivo seguiu tentando ampliar a vantaxe, No minuto 67, a defensa despexou a pelota nun lanzamento duro de Paula.
Olaya, noutra chegada apurando até o derradeiro centímetro de campo, conseguiu colocar un bo pase a Ainhoa, que controlou e driblou á súa marcadora no borde da área pequena. Á badalonesa faltoulle espazo porque Coronado saíu con rapidez a tapar, e aínda fixo o mesmo co rexeite curto que lle caera nos pés a Paula.
No minuto 78 volveu a achegarse Ainhoa. En carreira, sen deixala caer, correu ao segundo pau para volear un xute mordido, que Coronado detivo en dous esforzos.
O único reproche a Olaya habería que darllo polo seu erro clamoroso no minuto 84. Apóstol fixo todo, incluso mantivo a calma desde o fondo para ver a mellor opción de pase. A asturiana ofreceuse na curta, pero xutou por riba da portería cando o simple era facer o gol.
Ao final, a incerteza do resultado levou ao Levante a presionar nos catro minutos e medio de prolongación, pero o Deportivo defendeu ben posicionalmente, sumou o décimo punto e afunde ás valencianas na última praza.
Ficha
VENRES 14/11/2025 (19,30) Campo: RIAZOR (857)
R.C.D. LA CORUÑA : 1 – LEVANTE U.D. : 0 (0‑0)
COR : Ines Pereira; Paula Novo, Barth, Raquel, Samara; Ainhoa (Bárbara 89’), Olaya, Henar (Lucía Martínez 79’), Paula (Redru 89’), Pizarro (Apóstol 79’); Marisa (Millene 68’). Tre. Fran Alonso. (Banco: Yohana (g); Vera; Artero; Elena; Lucía Rivas; Eva; Lía).
LUD : Coronado; Alma (Traoré 68’), Eva Alonso, Tere, Le Guilly; Gabaldón (Alharilla 61’), Dolores, Cárol, Carrasco (Luque 86’); Erika, Núñez (Inés 68’). Tre. Andrés París. (Banco: Álvarez (g); Kalu; Castellanos).
Goles: 1-0 Marisa 56’.
Árbitra: Planes Terol (Murcia). Auxiliares: Mayer Calvo e Parra Cuenca.