Situación dos Bombeiros Comarcais de Galicia tras case un mes en folga

por Redacción Galicia

Dende o Comité de Folga queremos dar a coñecer a situación na que nos encontramos despois de case un mes de Folga Autonómica que nos leva a ter que manifestarnos polas rúas de Santiago de Compostela para visibilizar a nosa situación.

Queremos poñer en coñecemento da cidadanía a precaria situación na que se encontran os Servizos de Bombeiros Comarcais. A situación á que nos enfrontamos é preocupante. Tráenos ata esta manifestación o menosprezo que nos teñen os nosos gobernantes. Estamos aquí polo trato insultante que as administracións teñen cara nós e cara aos cidadáns aos que teñen que protexer. Esqueceron o Servizo tan esencial que prestamos tódolos bombeiros e bombeiras.

Dende que comezou a Folga a única medida que se tomou por parte dos traballadores foi a de non facer horas extraordinarias de carácter voluntario para demostrar que o servizo se presta pola vontade dos traballadores e non pola nula organización nin previsión de quen debe velar por que o servizo se preste da mellor maneira.

Soamente con esta medida quedou demostrado o Servizo en precario que prestan as administracións tendo que cerrar 10 Parques durante un día de garda en escasos 26 dias de Folga Autonómica

Os órganos de goberno dos Consorcios dos que dependemos, están formados por Xunta e deputacións. Vimos dun sistema de xestión privatizado, que logo de máis de 20 anos de privatización, decidiuse pasar a xestión directa coa premisa de que as condicións que arrastrábamos das empresas privadas se mantiveran. Recentemente os Consorcios mostraron a súa intención de perpetuar e soster de xeito indefinido esas condicións abusivas das empresas privadas. Condicións que lonxe de mellorar, empeoran día tras día.

A obriga de firmar un Convenio Colectivo con condicións por debaixo das que xa temos e a aceptación dunha valoración de postos de traballo que non recoñece o noso labor nin o valora como debera, foron as propostas que nos fixeron a Xunta de Galicia e as Deputacións como condición para aplicar unha sentenza do Tribunal Supremo, á que se comprometeran fai máis dun ano, para devolver a estabilidade ás nosas prazas. Os Bombeiros Comarcais de toda Galicia non podemos consentir que se menosprece deste xeito o noso traballo.

A finalidade desta Folga Autonómica e da Manifestación do 13 de xullo non ten outro fin que non sexa o de loitar polo que nos corresponde. Queremos que se faga unha valoración de postos de traballo xusta. Unha valoración acorde á nosa profesión. Unha valoración acorde aos nosos riscos. Unha valoración acorde á nosa carga de traballo. O noso labor non pode ser ignorado. Esiximos un Convenio Autonómico que recoñeza adecuadamente o noso traballo e o noso esforzo cunhas condicións dignas.

Agardamos que as Autoridades Competentes escoiten as nosas demandas de xeito inmediato, as atendan como corresponde, e así poder darlle unha solución a este conflito.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario