A elevada demanda obriga a incrementar en 8 prazas a listaxe anterior, que xa ascendía a 87
Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza anunciou que o Goberno de Lugo vén de ampliar o número de autorizacións para persoas vendedoras do Mercado tradicional debido á elevada demanda de postos. Deste xeito a listaxe anterior que ascendía a 87 persoas autorizadas, vese incrementada en 8 máis.
Contarase, pois, cun total de 95 prazas no Mercado Tradicional, que todos os martes e venres ofertarán unha importante variedade de produtos procedentes da propia colleita, «produtos naturais que outorgan ao noso mercado unha elevada puntuación en satisfacción e calidade, valorables na gran afluencia de persoas sobre todo nestas datas de verán», afirmou Cristina López.
A concelleira afirmou que «os mercados son para nós un piar estratéxico para a economía» e engadiu que «o mercado tradicional é un exemplo de fonte de creación de valor engadido para as nosas produtoras e produtores».
A concelleira de Participación lembra que «desde o Goberno de Lugo continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza opte por realizar alí as súas compras e por desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación e da ubicación privilexiada da Praza e do Mercado».