Os socialistas de Pontevedra propoñen que “a creación de vías sanitarias se materialice substituíndo os lombos por outros elementos físicos de control da velocidade”

por Redacción Pontevedra

Os socialistas presentan unha emenda de adición á moción que o PP levará ao Pleno do luns para habilitar como vías sanitarias as estradas de titularidade municipal de acceso ao Hospital Montecelo, instando a que os pasos sobreelevados se substitúan por rotondas, falsas curvas ou estreitamentos de carrís «que fagan compatible a correcta atención sanitaria no interior das ambulancias e o axeitado traslado dos/as doentes co control dos excesos de velocidade»

O Grupo Municipal do PSdeG vén de presentar unha emenda de adición á moción que o PP levará o vindeiro luns a Pleno para habilitar como vías sanitarias as estradas de titularidade municipal de acceso ao Hospital Montecelo. No documento de solicitude de rectificación asinado e rexistrado polo portavoz do PSOE, Iván Puentes, os socialistas plantexan que se engada á proposta de acordo dos ‘populares’ un segundo punto, no que se deixe claro que os pasos sobreelevados (lombos) serán substituídos por outros elementos físicos (rotondas, falsas curvas, estreitamento de carrís…) «que fagan compatible a correcta atención sanitaria no interior das ambulancias e o axeitado traslado dos/as doentes coa necesaria evitación dos excesos de velocidade, garantindo que se cumpra, en todo caso, a normativa municipal ao respecto».

Tal e como lembra Iván Puentes, «o Partido Socialista sempre apostou pola dotación deste tipo de vías sanitarias co obxectivo de evitar os riscos que os lombos supoñen tanto para pacientes como para profesionais sanitarios nos traslados en ambulancia». Non obstante, o propio Puentes defendeu no mandato 2015-2019 unha moción do seu partido nesta dirección e o programa electoral do PSOE pontevedrés recolleu literalmente entre as medidas en materia de Sanidade «o deseño de dous circuítos de acceso sanitario libres de lombos, un polo norte e outro polo sur», así como «a reconsideración dos mecanismos de calmado de tráfico», adaptando os lombos á normativa vixente do Ministerio de Transportes para travesías de limitación de velocidade 30 (Orde FOM/3053/2008) e, no caso das vías sanitarias, optando por outras medidas e elementos «igual de efectivos e que supoñan un menor risco para pacientes e sanitarios».

Xa en 2015, e tras reunirse con membros da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias (Asgate), os socialistas perfilaron unha proposta para habilitar diversas vías sanitarias que permitisen ás ambulancias unha circulación libre de lombos desde as principais estradas de acceso a Pontevedra e desde outros centros sanitarios da cidade ao Hospital Montecelo. O PSOE amosou entón o seu rexeitamento á construción dunha decena de novos lombos nese contorno, evidenciando que o cuestionamento de determinados lombos non supón en ningún caso o rexeitamento do modelo urbano de Pontevedra.

Segundo sinala Iván Puentes, «a iniciativa defendida polos socialistas ao longo destes anos para impulsar a creación de vías sanitarias suporía a eliminación dalgúns dos pasos elevados, substituíndoos por outros elementos menos lesivos e igual de efectivos, así como a corrección doutros». «Por este motivo, instamos ao PP a engadir esta emenda de adición, que permite compatibilizar estas vías sanitarias tan necesarias co control dos excesos de velocidade e, polo tanto, co noso modelo de cidade», afirma Puentes.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario