Eu Rural estreita lazos entre o rural europeo

por Redacción Galicia

Unha delegación de grupos de acción local de Letonia e Bulgaria estiveron de visita para coñecer a enogastronomía, patrimonio, cultura e economía do territorio

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural continúa camiñando para poñer en valor os produtos locais e o territorio a través da gastronomía, o patrimonio e a cultura. A presidenta do grupo de desenvolvemento, Sandra González, recibiu este mércores a unha delegación de representantes dos seus socios no proxecto de cooperación transnacional Eurochef II, unha iniciativa que busca potenciar o desenvolvemento sostible das diferentes rexións.

Xunto con membros dos grupos de desenvolvemento rural galegos socios do proxecto (Eu Rural, GDR Pontevedra Norte e Limia-Arnoia), representantes dos grupos de acción local de MIG-RAZLOG LAG de Bulgaria e ZIED ZEME LAG de Letonia percorreron o territorio para afondar no intercambio de ideas, coñecementos e experiencias. “Pódese construír Europa tamén a través da gastronomía. Sabemos que non só desfrutaredes do noso territorio, senón que esta visita será tamén un punto de partida moi interesante para estreitar lazos entre o mundo rural europeo”, salientou a presidenta.

Tras unha recepción no Concello de Tomiño, a delegación visitou Coplant Galicia e Viveiros Río Tollo para coñecer en profundidade un dos sectores económicos máis importantes da comarca. Cultivos ou especificidades do clima e do sector deron paso a un percorrido polos viñedos e as adegas de Terras Gauda para achegarse á enoloxía. O encontro rematou cunha degustación enogastronómica no Lagar de Eiras e unha visita ao monte Santa Trega antes de partir cara a Allariz.

O obxectivo de Eurochef II é poñer en valor os produtos gastronómicos locais nos territorio e fomentar o seu consumo e oferta de calidade, con valor engadido e novas elaboracións e como oferta de restauración, así como a fusión entre tradicións gastronómicas diversas nos territorios e a unión para acceder aos mercados con produtos turísticos que teñan como base o produto local máis alá das fronteiras.

Tras a visita da delegación búlgara e letona a terras galegas, os grupos de desenvolvemento rural Eu Rural, Pontevedra Norte e Limia-Arnoia continuarán traballando en novos intercambios de experiencias con visitas aos territorios do MIG-RAZLOG LAG e do ZIED ZEME LAG.

Eurochef II é un proxecto de cooperación transnacional financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural  dentro da medida 19.3 Leader Galicia 2014-2020 a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario